Festa nas dúas beiras do Lérez para honrar ao santo máis 'milagreiro'

Pontevedra
11 de xullo 2014

Nunha banda do río Lérez, unha romaría popular. Xusto en fronte, unha celebración relixiosa. Son as dúas caras dunha mesma xornada de celebración e día non laborable en Pontevedra: San Benitiño de Lérez. Este ano, coa axuda do bo tempo, repetiu éxito e aglomeracións por parte de centos de pontevedreses e foráneos   

Romaría de San Benitiño de Lérez 2014
Romaría de San Benitiño de Lérez 2014 /

Nunha banda do río Lérez, unha romaria popular. Xusto enfronte, unha celebración relixiosa. Son as dúas caras dunha mesma xornada de celebración e día non laborable en Pontevedra: San Benitiño de Lérez. Este ano, coa axuda do bo tempo, repetiu éxito e aglomeracións por parte de centos de pontevedreses e foráneos que quixeron participar na parte relixiosa ou pagana do santo máis 'milagreiro'.

Os vínculos entre a mexilloada popular que se organiza cada ano no entorno dos salóns do Lérez e a praia fluvial e os actos litúrxicos celebrados no mosteiro do Divino Pastor recobraron este ano a forza que tiñan no pasado, ao recuperarse a vella tradición de paseos en barca que unen as dúas beiras do río. Tiveran que suspenderse nos últimos anos por mor das obras do AVE, pero este 2014 retomáronse. 

A romaría, declarada festa de interese turístico de Galicia, desenvolveuse cunha notable afluencia de público, con moitos cidadáns que acudiron tanto á degustación gratuíta de empanada e mexillóns ao vapor ofrecida polo Concello (e á que acudiron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva) como aos actos litúrxicos no mosteiro.

Houbo misas dende as 7.00 horas e durante toda a mañá cunha diferencia de 45 minutos ata a eucaristía solemne das 13.00 horas, logo da cal se celebrou a procesión na que San Benitiño rodeou o recinto do mosteiro cargado polos devotos. Pola tarde, repetíronse coa mesma periodicidade entre as 17.00 e as 20.45 horas. Ao longo de todo o día, repetíronse as colas para facerse cun pouco de aceite bendito para curar verrugas ou outras afeccións da pel. 

Na súa vertente pagana, a festa comezou ás 10.30 horas cun percorrido do grupo Os Alegres entre o Concello e os salóns do Lérez. A partir das 11.30 horas, empezou a romaxe popular na praia fluvial do Lérez, na que, estivo incluida unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas, a mexilloada popular e, xa pola tarde, actuación dos grupos Pousos da Area e Aturuxo Pequeno. A noite chegou cunha verbena no adro do mosteiro a cargo da orquestra Salsa Costa.