A céntrica Praza Massó de Bueu será escenario o vindeiro sábado 10 de maio, durante toda a xornada, do IV Festival Artístico Solidario Art For Change.
Promovido polo IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, desenvolverase nunha carpa instalada na praza, na que se habilitará unha venda de produtos coa que se recadarán fondos para a Asociación Juan XXIII e DOA Saúde Mental.
Ademais recolleranse alimentos non perecedores que serán entregados ao Banco de Alimentos e tapóns de plástico. Tamén cascas de pipas e noces, neste caso para a Asociación Cultural Cunchas e Flores, e rolos de papel hixiénico para deseñar un diagrama de barras sobre os gustos das persoas.
"É unha actividade que naceu con vocación colaborativa e na que pode participar toda a xente da vila", explicou na súa presentación Noelia Torres en representación do centro educativo.
"Para nós é un pracer seguir colaborando na loxística e organización deste evento que demostra que temos unha mocidade moi activa en Bueu", sinalou pola súa banda a concelleira de Cultura, Carmen García.
Nesta ocasión o festival xirará arredor do coidado do benestar emocional entre a xente nova, co obxectivo ademais de favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura.
A xornada iniciarase ás 9.00 horas da mañá coa elaboración dunha alfombra floral por parte da Asociación Cultural Cunchas e Flores, pero a feira na carpa abrirá ás 11.00 horas. Ás 12.00 está previsto un contacontos e un obradoiro familiar sobre o libro 'La vida que se da' de Claudia Prado González. Ás 13.00 horas o alumnado do CPR Virxe Milagrosa interpretará 'Cantar para (ben)estar', e a continuación o CEIP A Pedra portagonizará un espectáculo de monicreques titulado 'O sacapenas', pechándose a mañá cun micro aberto de música.
Pola tarde, desde as 17.00 horas retomarase a actividade cunha nova actuación musical de 'Cantar para (ben)estar', e despois a Asociación Cunchas e Flores ofrecerá un taller sobre alfombrismo. O Museo Massó colabora tamén coa organización de dúas actividades infantís, 'Cousas da praia' ás 17.00 horas (de 4 a 6 anos) e 'Esta ría é un choio' (6 a 10 anos).
Por último ás 18.00 horas ofrecerase unha demostración de 'jugger', deporte que mestura esgrima e rugby, e ás 19.00 horas concluirá o festival coa actuación dos grupos Sons Of Asgard e Sumergidos, na contorna da Praza Massó.
Antes de todo iso e como aperitivo, o venres o Centro Social do Mar acollerá ás 21.00 horas a obra teatral 'A casa da Troula', da compañía Comediantes Anónimos.