Festivo para andar de romaría e degustar mexillóns pola beira do Lérez

Pontevedra
11 de xullo 2024

A celebración de San Bieito, festivo local en Pontevedra, levou a que numerosas persoas se achegaran este xoves pola contorna da praia fluvial onde o Concello organizou a romaría tradicional con actuación de grupos de música tradicional e degustación gratuíta de mexillóns e empanada

Mexilloada de San Bieito 2024
Mexilloada de San Bieito 2024

A cidade de Pontevedra celebraba este xoves 11 de xullo, festivo local, a tradicional Romaría de San Benito de Lérez, San Benitiño, unha festa relixiosa e tamén popular declarada de Interese Turístico de Galicia desde o ano 1998.

A festa desenvolvíase nas beiras do Lérez desde as 10:30 horas con pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Os Alegres.

A continuación comezaba o reparto de empanada e mexillóns para a degustación gratuíta de todas aquelas persoas que se achegaran ao entorno da praia fluvial do Lérez.

Unha vez máis polo entorno daban cita numerosas persoas facendo cola para, a pesar do tempo inestable, recoller o seu prato e desfrutar da festa.

Entre os asistentes atopábanse o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o portavoz do PSOE, Iván Puentes.

Os gaiteiros de Duos Pontes ofrecían unha actuación ás persoas que comían baixo a carpa e despois continuaron os Gaiteiros das Rías Baixas e Os Alegres amenizando a celebración.

A tarde desenvolvíase co grupo Pola Vila e a xornada concluíu cunha gran verbena no atrio do Mosteiro de San Bieito a cargo do grupo M-3 Show.