Ao redor de trinta persoas que cultivan camelias procedentes de Galicia e do norte de Portugal participan na 59 Exposición Internacional desta flor que se desenvolve durante o sábado e o domingo na Praza da Peixería en Vilagarcía de Arousa.
Nove establecementos comerciais decoraron tamén os seus escaparates con camelias, emblema das Rías Baixas.
Ás 13.00 horas deste domingo está prevista a entrega de premios. A carpa abrirase ás 10.00 e despois celebrarase a cerimonia do té, ás 11.30 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do espazo.
Durante a fin de semana polo recinto pasaron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e tamén Luis López, presidente da Deputación, quen destacaba o poder desestacionalizador e o atractivo turístico que presenta esta flor para as Rías Baixas.
"A camelia é nosa, é patrimonio natural da nosa provincia, unha forma de vida para moitos afeccionados e profesionais da xardinería e, en definitiva, un produto 100% Rías Baixas", explicaba o presidente provincial durante a súa intervención.
Precisamente durante estes días o Castelo de Soutomaior oferta un roteiro específico polos seus xardíns centrada na camelia. Durante a inauguración tamén participou Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo que depende da Deputación Provincial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.