Fin de semana de música, compras e, sobre todo, moito marisco no Grove

Pontevedra
04 de outubro 2024

O xoves inaugurouse a carpa coa oferta gastronómica e tamén a programación musical cos concertos de Caballito e Freshkiños e este venres chegaron tamén as compras coa Feira de Oportunidades de Grovestock

Segundo día da Festa do Marisco 2024 no Grove Festa do Marisco

Música, compras e, sobre todo, moito marisco, danse cita desde este xoves no Grove. Xa está aquí a edición número 51 da Festa do Marisco, que se celebrará ata o 13 de outubro.

O xoves inaugurouse a carpa coa oferta gastronómica e tamén a programación musical cos concertos de Caballito e Freshkiños e este venres chegaron tamén as compras coa Feira de Oportunidades de Grovestock.

Situada na zona comercial da praza do Corgo, esta feira ofrece a oportunidade de comprar produtos con descontos atractivos para incentivar a venda nos establecementos locais e levar un agasallo de recordo desta edición da festa.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o alcalde, José Antonio Cacabelos, participaron na inauguración da feira, organizada polo centro comercial aberto (CCA) De Tendas do Grove durante toda esta fin de semana, ata o domingo 6 de outubro.

Este venres, a programación musical levará ata a carpa de concertos a Mondra, The Rapants e DJ Djow.

Durante as xornadas do sábado e domingo, as casetas de venda e degustación de marisco abrirán a partir das 11.30 horas pola mañá e das 19.30 pola tarde.

Ás 13.00 horas haberá sesión vermú e ás 17.00 horas, sesión de tarde na carpa da cafetería e de 17.00 a 19.30 haberá actividades infantís con xogos tradicionais.

Ademais, o sábado ás 12.00 horas no Campo de Regatas do Porto do Grove celebrarase a Regata de Dornas a vela e na carpa de concertos actuarán Carlangas e Os Cubalibres, Delaporte e Serial Killerz.

O domingo, ás 9:30 horas será a quenda do Encontro Internacional de Scooter Clásicas e ás 10.30 horas, a Carreira Festa do Marisco. 

Ao mediodía, ás 12.00 horas, na Praza do Corgo haberá unha actuación de baile tradicional Asociación Cantodorxo e ás 21.00 horas actuarán a carpa de degustación as Pandeireteiras de Cantodorxo.

Continuando coa programación musical, ás 22.00 horas, na carpa de concertos actuarán Cinco en Zocas e Guadi Galego.