A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías informou este martes en rolda de prensa que durante a pasada fin de semana a Policía Local propuxo un total de 15 sancións polo incumprimento da normativa sanitaria derivada da pandemia da Covid-19.
Neste balance da fin de semana tamén se inclúe ao luns 17 de maio por ser festivo.
Destas denuncias, 9 foron por reunións entre non conviventes, 3 interpuxéronse por desobediencia á autoridade ou falta de respecto aos axentes municipais e as outras 3 foron por non levar posta a máscara.
Non hai ningún local da hostalería pontevedresa denunciado, do mesmo xeito que a Policía Local confirmou que non se produciron botellóns na Boa Vila.
A portavoz municipal espera que a situación siga "estable e normalizada" polo que cre que a partir do próximo luns xa non será necesario incluír este balance de incidencias nas comparecencias habituais do Goberno local ao comezo da semana.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.