Firme compromiso do xeneral da Brilat coa mellora da educación en Líbano

Pontevedra
28 de febreiro 2019

O xeneral Romero, responsable da Brigada Multinacional "Líbano" XXX, destacou que unha das súas principais preocupacións é a educación na zona e puxo de relevancia o "alto grao de harmonía, compromiso e colaboración" coa cidade de Madjal Silim e coas Forzas Armadas Libanesas 

Firma do proxecto de impacto rápido co centro de estudos de secundaria da localidade de Madjal  Silim
Firma do proxecto de impacto rápido co centro de estudos de secundaria da localidade de Madjal Silim / Ministerio de Defensa de España

O xeneral xefe da Brigada Galicia VII Brilat, Antonio Romero, responsable desde novembro da Brigada Multinacional "Líbano" XXX despregada no país asiático, mostrou nos últimos días o seu firme compromiso coas xeracións máis novas da sociedade coa que están a traballar de xeito conxunto e avanzou que traballará para priorizar os recursos dispoñibles para mellorar as súas posibilidades de formación.

Así o manifestou con motivo da inauguración dun proxecto financiado por España para a mellora das infraestruturas do campo de deportes de inverno do centro de estudos de secundaria da localidade de Madjal Silim, situado na zona de Líbano na que está despregada a Brilat para desenvolver a operación Libre Hidalgo que desenvolven no marco da Forza Interina de Nacións Unidas para o Líbano ( UNIFIL, polas súas siglas en inglés).

Segundo a información recollida polo Estado Maior da Defensa, o xeneral Romero destacou que unha das súas principais preocupacións é a educación na zona e puxo de relevancia o "alto grao de harmonía, compromiso e colaboración" coa cidade de Madjal Silim e coas forzas armadas libanesas nas actividades operativas diarias, que lograron facer do sur do Líbano unha terra segura e estable.

A inauguración do proxecto contoucoa presenza do xeral Romero como xefe do Sector Este de UNIFIL; un representante do Ministerio de Educación, Mahmoud Maki; o alcalde de Madjal Silim, Yunes Abdaláh Zahwa; o director do centro escolar, Fadi Salloom; o xefe do Batallón de Nepal, tenente coronel Rajendra Pan; persoal da Unidade CIMIC (cooperación cívico-militar) española e outras autoridades, así como profesores e estudantes do centro escolar.

O director do centro destacou o seu profundo agradecemento pola realización do proxecto e sinalou a súa esperanza de que o compromiso dos españois con respecto ao centro escolar continúe no futuro. Tamén dixo que este proxecto confirmaba a inmellorable relación entre libaneses e españois. Pola súa banda, o alcalde de Madjal Slim, pola súa banda, agradeceu a España, á Unidade CIMIC española e á forza UNIFIL que lidera a Brilat o apoio brindado para mellorar as instalacións da escola pública en beneficio da educación da poboación local.

A Brilat está despregada na base Miguel de Cervantes, situada preto da localidade de Marjayún, onde está o cuartel xeral do sector este de a misión da ONU en Líbano, liderado por España. Alí hai 650 efectivos de distintas unidades da Brigada con sede en Figueirido, Cabo Noval (Asturias) e Valladolid. 

Alí, o xeneral Romero está á fronte dunha brigada multinacional formada por continxentes que proceden da India, Nepal, Indonesia, Serbia, O Salvador, Brasil e China, ademais dos militares españois. En total, o número de efectivos ascende a 3.500. 

A misión da ONU en Líbano na que se integra a Brilat ten entre os seus labores vixiar o cesamento de hostilidades entre Hezbollah e Israel e acompañar e asistir ás forzas armadas libanesas no sur do país e ao longo da separación entre ambos os países denominada Liña Azul. Tamén garantir o acceso humanitario ás poboacións civís e o regreso voluntario e seguro das persoas desprazadas.

Os militares españois realizan patrullas a pé e en vehículo, para vixiar permanentemente a liña que separación entre Líbano e Israel. Tamén establecen observatorios e realizan outras actividades en colaboración coas forzas armadas libanesas (LAF). Todas dirixidas a garantir o cumprimento da resolución 1701 de Nacións Unidas e evitar que se chegue a situacións que poidan conducir a unha escalada de tensión entre as partes, segundo a información oficial do Exército de Defensa.