A Fiscalía de Pontevedra solicita unha condena de oito anos de prisión para un pontevedrés que supostamente violou a unha amiga que no momento dos feitos tiña 16 anos de idade.
O xuízo foi sinalado para o vindeiro xoves 3 de novembro na Sección segunda da Audiencia de Pontevedra.
Os feitos que se xulgan terían lugar o 28 de abril de 2019. Segundo o relato da Fiscalía no seu escrito de acusación o acusado atopábase nunha "zona montaraz e apartada, situada dentro do termo municipal de Pontevedra" acompañado da súa amiga cando "coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual, así como de atentar contra a libre determinación sexual daquela", empuxouna contra unha árbore e penetrouna vaginalmente superando a súa resistencia.
A vítima en todo momento "rogaba encarecida e reiteradamente ao procesado que parase porque non quería manter relacións sexuais con el, facendo este caso omiso aos devanditos requirimentos".
Ademais dos oito anos de cárcere, a Fiscalía solicita que se lle impoña ao procesado unha orde de afastamento de seis máis e o pago dunha indemnización de 3.000 euros en concepto de danos morais.