Fixan o venres 12 de febreiro como data de inicio para a rexeneración da Carabuxeira

Sanxenxo
07 de febreiro 2021

Corenta días é o prazo que se marca a empresa encargada da rexeneración da Carabuxeira para a recuperación do areal urbano

A Carabuxeira (Sanxenxo)
A Carabuxeira (Sanxenxo) / Mónica Patxot

Corenta días é o prazo que se marca a empresa encargada da rexeneración da Carabuxeira para a recuperación do areal urbano. 

Se as condicións meteorolóxicas non obrigan a modificar a planificación, os traballos para recuperar a praia darán comezo o vindeiro venres 12 de febreiro, segundo confirma o Concello de Sanxenxo.

A firma encargada do proxecto é Marcor Xove S.L., cuns traballos que teñen un custo de 123.000 euros e que se prevé conclúan a principios de abril.

A previsión para o primeiro día de traballo é que os técnicos da empresa realicen un levantamento topográfico en 3D da praia que marcará os metros cúbicos exactos que se poderán bombear das zonas autorizadas para a extracción. 

Desde primeira hora do venres comezará o replantexo e iniciarase a montaxe dos geotubos e o balizamento. Tarefas que se estenderán durante polo menos dous días e ás que seguirán a mobilización dos equipos de traballo. 

Ata a lámina de auga que se sitúa enfronte á praia chegará un barco de 22 metros de eslora cunha draga que se encargará da extracción de ata 10.000 metros cúbicos de árido das zonas autorizadas. 

Unha vez extraída a area realizarase, en primeiro lugar, o recheo dos 70 metros lineais de tubos xeotéxtiles que servirán de dique natural e, a continuación, bombeará o árido á praia a través dun tubo que encargarase de dirixir o depósito de area de forma ordenada na praia.

A empresa Indrops encargarase de realizar o estudo e seguimento ambiental durante o transcurso das tarefas con polo menos tres tomas de mostras da calidade da auga antes, durante e despois da rexeneración. Un control ambiental valorado en 17.968 euros.