Flinq Ingeniería redactará o proxecto para a renovación de preto de 2.700 luminarias en Poio

Poio
15 de marzo 2022

A actuación está impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e contará cun orzamento próximo ao millón de euros e financiado nun 80% a través de fondos europeos tramitados ante o IDAE

Reparación dun farol
Reparación dun farol / Concello de Poio

O Concello de Poio adxudicou á empresa Flinq Ingeniería a redacción do proxecto a través do cal se procederá á renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público no municipio.

A Concelleíra de Promoción Económica e Urbanismo acadou unha axuda de preto de 800.000 euros para a realización destes traballos, vía IDAE. O orzamento total ascenderá a uns 980.000 euros aproximadamente, IVE engadido, que servirá para cubrir a renovación de preto de 2.700 puntos de luz nas cinco parroquias do concello. 

O concelliero de Urbanismo, Gregorio Agís explicou que ao concurso de licitación aberto para a redacción do proxecto presentáronse un total de dez ofertas. Estes traballos foron adxudicados por un importe que ascende a 14.500 euros. 

As luminarias actuais pasarán a ser led, o que garante unha redución nos custes "moi importante, algo que cobra especial relevancia nestes tempos, nos que o prezo da luz está a experimentar grandes oscilacións en prazos temporais moi curtos". De feito, as estimacións que se inclúen nos informes técnicos cifran en preto de 67.000 euros o aforro anual que se acadaría no que ao consumo do alumeado público se refire.

Unha vez redactado o proxecto, comezará o proceso para a adxudicación dos traballos, que deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2023. A día de hoxe, o alumeado público de Poio conta con 6.353 puntos, moitos dos cales xa se foron substituíndo por led nos últimos anos.