Unha florista que non quixo identificarse fixo saltar as bágoas de emoción este venres aos axentes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Achegouse ata o punto de control das instalacións e deixou un ramo de flores coa seguinte nota: "En agradecimiento por la labor que estáis haciendo".
"Os lo merecéis. Gracias por estar siempre ahí", engade a nota, que non está asinada. A persoa que a entregou tampouco deixou ningún nome, senón que o entregou de forma anónima na Comandancia para dar as grazas polo papel da Garda Civil nestes días complicados da pandemia do coronavirus.
Desde a Comandancia quixeron dar as grazas á doante anónima. Dado que non puideron agradecer o seu xesto en persoa, fixérono a través dunha publicación na conta de Facebook da Garda Civil de Pontevedra, na que confesan que o xesto desta florista provocoulles bágoas e deixoulles "o corazón emocionado".
Ademais, fontes oficiais da Garda Civil quixeron agradecer publicamente este xesto "tan xeneroso" que aseguran que "sen dúbida, servirá de aliciente e estímulo para seguir sumando esforzos na loita contra a COVID-19".