"Poio recicla o Nadal" é o nome dunha campaña informativa que o Concello porá en marcha nas vindeiras datas.
A concelleira de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, explicou que o obxectivo é continuar concienciando á cidadanía da necesidade de darlle un tratamento axeitado aos residuos, especialmente nunha época na que o consumo crece de xeito exponencial.
A través da empresa responsable da recollida e tratamento de residuos sólidos, Valoriza, achegarase información de interese á cidadanía, a través de folletos cos teléfonos de contacto de servizos que o Concello de Poio ofrece neste eido, como son o Punto Limpo Móbil, que cada semana se despraza a cada parroquia da vila, ou a recollida a domicilio de voluminosos.
A concelleira salientou que entre os meses de xaneiro e outubro do presente ano xa se retiraron unhas 150 toneladas aproximadamente deste tipo de residuos. Isto supón un incremento aproximado de 2,5 toneladas mensuais con respecto aos datos que se recolleron durante 2020.
De todos estes residuos, a maior cantidade corresponde a restos de madeira e mobles, cun total de 104,7 toneladas retiradas no que vai de ano. Tamén destacan as preto de 41 toneladas correspondentes a chatarra.
Este servizo é gratuíto e está operativo de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas. O teléfono de atención ao público é o 986771185.