Fomentar o turismo sostible e de calidade, fundamento base da nova asociación TodoMorrazo

Bueu
29 de abril 2022

Representantes do colectivo realizaron a presentación en Bueu coa participación do alcalde Félix Juncal. A asociación acolle xa 60 asociados entre establecementos de cámpings, hoteis, hostais, pensións e vivendas de uso turístico de Cangas, Moaña e Bueu. Nace coa idea de regularizar as vivendas de uso turístico e ofrecer unha alternativa aos portais de reservas

Xuntanza de representantes de TodoMorrazo con integrantes do goberno local de Bueu
Xuntanza de representantes de TodoMorrazo con integrantes do goberno local de Bueu

TodoMorrazo anúnciase como a asociación de aloxamentos turísticos que ten como obxectivo potenciar un turismo activo e sostible na Mancomunidade do Morrazo.

O presidente do colectivo, Borja Brun, acompañado polo tesoureiro Manuel Pérez e pola vogal Maruxa Camiña, participaban nun acto de presentación este venres no Concello de Bueu co alcalde Félix Juncal; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; e o edil de Deportes, Ricardo Verde.

O colectivo conta xa con sesenta asociados e cobre establecementos que se dedican ao negocio do cámping, hoteis, hostais, pensións e vivendas de uso turístico dos municipios de Bueu, Cangas e Moaña. A súa proposta é fomentar un turismo de calidade, ao mesmo tempo que regularizar as vivendas de uso turístico e ofrecer unha alternativa aos portais de reservas.

A través deste colectivo, os establecementos que se atopen asociados poderán aforrar a comisión do 16,01% que cobran as plataformas de reservas. Traballan en varias liñas de acción para incrementar o número de establecementos que formen parte de  TodoMorrazo coa creación dunha bolsa de emprego, cursos de formación, asesoramento para a tramitación da legalización das vivendas de uso turístico e tamén unha central de compras para lograr prezos máis competitivos.

Actualmente, en Bueu, segundo explicaron na presentación, figuran un total de 275 establecementos de aloxamento no Rexistro de empresas e Actividades Turísticas. Desa cifra, ao redor do 95% correspóndese con vivendas de uso turístico.

A través da  Mancomunidade do Morrazo, unha das vías nas que traballan é a desestacionalizar o turismo con ofertas que superen a proposta de sol e praia, apostando pola cultura, o deporte, natureza e outras actividades de lecer. Nese sentido, Félix Juncal manifestou o seu apoio a este tipo de ideas porque axudan á creación de postos de traballo e a que toda a contorna creza economicamente.