O Concello de Cerdedo Cotobade vén de adxudicar as obras de acondicionamento dun espazo destinado a área de servizo e acollida para autocaravanas no lugar de Fontán, na parroquia de San Xurxo de Sacos.
O goberno local considera que esta actuación é "estratéxica" xa que permitirá reforzar a oferta turística municipal.
Será financiada grazas a un convenio con Turismo de Galicia, que aporta o 70% do investimento, e coa Deputación de Pontevedra, que financia o 30% restante a través do Plan +Provincia.
O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Pablo Moreira S.L., tras resultar a súa proposta a máis vantaxosa entre as dúas ofertas presentadas ao procedemento de licitación.
O investimento ascende a 112.530 euros e contempla tamén melloras relacionadas coa sinalización e rotulación da instalación.
A futura área de autocaravanas se levantará sobre os terreos do antigo campo de fútbol cedidos pola Comunidade de Montes de San Xurxo.
O alcalde Jorge Cubela agradeceu a colaboración veciñal para que se poida desenrolar este proxecto turístico e sinalou como exemplar a colaboración institucional entre o Concello e a entidad veciñal.
A actuación permitirá habilitar unha área con oito prazas para autocaravanas e unha zona específica de servizo con punto de carga e descarga de augas, abastecemento de auga potable e espazos para estadías temporais.
O proxecto inclúe tamén a reforma dos accesos, pavimentos drenantes, iluminación, saneamento, sinalización e unha zona de lecer con mesas de picnic, bancos e arborado autóctono, configurando un novo espazo integrado na contorna natural de Fontán.
O rexedor de Cerdedo Cotobade sinalou que "esta área converterase nun novo punto de atracción para visitantes que buscan destinos con servizos axeitados e contacto directo coa natureza e o patrimonio do noso concello".
Cubela considera que o turismo de autocaravanas representa "unha oportunidade para dinamizar a economía local, favorecer o consumo nos establecementos da zona e contribuír á creación de actividade durante todo o ano", dixo.