Forestais "non corre perigo", garante o rector, no novo mapa de titulacións

Pontevedra
01 de novembro 2017

A pesar de ser o único título do campus de Pontevedra que non completa a súa cota de alumnos de novo ingreso, fixado actualmente en 45, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, garantiu que "en ningún caso corre perigo" ao tratarse de estudos universitarios que están "consolidados"

Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra
Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

O novo mapa de titulacións, acordado entre Educación e as tres universidades galegas, ordenou os estudos que se ofrecerán en Galicia durante os próximos anos. Ata oito graos desaparecen por baixa demanda. Pero Forestais non está entre eles.

A pesar de ser o único título do campus de Pontevedra que non completa a súa cota de alumnos de novo ingreso, fixado actualmente en 45, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, garantiu que "en ningún caso corre perigo" ao tratarse de estudos universitarios que están "consolidados".

O grao en Enxeñería Forestal que se imparte en Pontevedra, explicou Mato, está sometido a un plan de viabilidade que tivo un informe de avaliación externa positivo e dá acceso a unha profesión que está "regulada" e que é un título "de valor" para o mapa universitario en Galicia.

O reitor vigués matizou que, en todo caso, o que si se expoñen son medidas para "fortalecer" os estudos de Forestais.

O acordo pasaría, adiantou o reitor da Universidade de Vigo, por establecer un "marco de colaboración" co grao en Enxeñería Forestal e do Medio Natural que se imparte en Lugo para compartir recursos.

NOVO GRAO EN PONTEVEDRA

Con respecto ao novo grao aprobado para o campus de Pontevedra, o de Deseño e Creación, Salustiano Mato explicou que este mesmo ano irase traballando na proposta de estudos para que poida implantarse no curso 2019-2020.

Trátase dunha titulación que ten o seu "epicentro" no proxecto de especialización do Campus Crea e que, aínda que participará todo o campus, terá o seu "motor" na facultade de Belas Artes, onde se impartirán estes estudos.

Nela, asegurou o reitor, existen os medios humanos e materiais adecuados para impartir este grao, descartando unha vez máis, polo menos por agora, recuperar o proxecto do Edificio das Artes que se ía a construír nos antigos terreos de Tafisa.