Unha das guías turísticas máis importantes de Francia vén de dedicarlle un apartado específico aos petróglifos de Mogor, seleccionados polo seu interese e riqueza patrimonial.
Trátase da guía francesa Petit Futé, que na edición que lle dedica a Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León, inclúe o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor como lugar destacado.
A empresa encargada da xestión do centro destaca que, dentro da fracción de visitantes estranxeiros, os franceses son maioritarios sobre os turistas chegados doutros lugares.
Ata o 12 de setembro, o centro de interpretación está aberto de martes a domingos de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas.
Ademais, hai visitas guiadas de 30 minutos ás 12.30 e ás 20.30 horas, sen necesidade de reserva. Por prevención pola covid-19, o aforo interior do centro é de oito persoas.