Francisco Barbeito, Carmen Abeledo e o CRE da ONCE, candidatos aos Cidade de Pontevedra

Pontevedra
07 de xaneiro 2019

En total, presentáronse catro candidaturas, ao sumarse a esas tres a do benefactor do Hospital Provincial, Manuel Barreiro Cabanelas, aínda que esta, segundo fontes municipais, non cumpre as bases dos premios porque non se contempla premiar a persoas falecidas 

Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra
Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra / Mónica Patxot

O empresario Francisco Barbeito, a enfermeira Carmen Abeledo e o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE na cidade son, ata o momento, os tres candidatos que previsiblemente se disputarán a nova edición dos premios Cidade de Pontevedra 2019. O prazo para presentar candidaturas pechará esta medianoite, pero, a falta dunhas horas, son os tres que terían opcións reais. 

En total, presentáronse catro candidaturas, ao sumarse a esas tres a do benefactor do Hospital Provincial, Manuel Barreiro Cabanelas, aínda que esta, segundo fontes municipais, non cumpre as bases dos premios. A proposgta, que realizou unha asociación de Ponte Caldelas non se axusta aos criterios requiridos porque non se contempla premiar a persoas falecidas, senón a persoas e entidades que durante o último ano destacasen polas súas actividades en beneficio de Pontevedra.

Segundo informou o portavoz do goberno local, Raimundo González, para a categoría de persoa xurídica tan só hai unha canduidatura, a do CRE da ONCE, a proposta da asociación de familiares con persoas con Síndrome de Down Xuntos.

As outras tres foron presentadas na categoría de persoa física. A primeira foi a de Francisco Barbeito Castro, que fundou en 1959 a empresa Cristalería Pontevedresa. Trátase dunha proposta da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra. 

A candidatura da enfermeira e activista da medicina comunitaria Carmen Abeledo Márquez presentárona os traballadores do centro de saúde da Parda, onde traballa actualmente. 

O xurado de reunirá a próxima semana e desde o Concello lembran que as bases dos premios contemplan que os membros do mesmo poderán presentar candidaturas 'in voce' nesa reunión

Os premios entregaranse o próximo 21 de xaneiro nun pleno extraordinario de honra no Teatro Principal. Adoitan entregarse o 20, festividade de San Sebastián, pero aprazouse ao día seguinte porque coinciden en domingo.  

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora