A 18 de xullo de 2016, 80 anos despois do alzamento militar do 36 que desembocou na Guerra Civil Española e en catro décadas de Ditadura, o xeneral Francisco Franco segue sendo presidente perpetuo da Deputación Provincial de Pontevedra. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o seu grupo político (BNG) empeñáronse en poñer fin á situación e contribuír a recuperar a memoria histórica, de modo que levará ao Pleno da Corporación de finais deste mes de xullo unha proposta para retirarlle o nomeamento.
A moción preséntaa Xosé Leal como deputado de Cultura e inclúe a revogación dese nomeamento adoptado por acordo da Deputación do 28 de agosto de 1952, pero tamén doutros cinco: o acordo do 8 de xullo de 1950 polo que se nomea fillo predilecto da provincia a Calvo Sotelo; o do 9 de xullo de 1951 polo que se nomea fillo adoptivo a José Solís Ruíz; o do 30 de xaneiro de 1960 que concede a Medalla de Ouro da provincia a José Solís Ruíz; o do 25 de febreiro de 1973 polo que se nomeou fillo adoptivo a Pedro Nieto Antúnez; e o do 7 de marzo de 1973 polo que se concedeu a Medalla de Ouro á Sección Feminina de Fet e das Jons.
Para presentar esta moción, Leal e a deputada nacionalista Eva Villaverde elixiron este luns 18 de xullo porque "hai 80 anos houbo ese triste alzamento fascista que acabou coa democracia da República" e a escalinata frontal do Pazo Provincial para lembrar que no Salón de Plenos dese edificio celebráronse xuízos sumarísimos como o que condenou á morte a Alexandre Bóveda e outros actos de represión.
A moción inclúe a revogación de seis nomeamentos, pero durante a Ditadura realizáronse moitos máis. Non os incluíron na súa proposta porque aspiran a que o Pleno acorde por unanimidade a retirada e consideran que, se se incluísen outras condecoracións, algún grupo político podería non aprobalo.
Segundo explicou o deputado de Cultura, queren reeditar a unanimidade coa que o Pleno aprobou en abril unha moción previa sobre recuperación de memoria histórica e agradecen, ademais, a proposta realizada polo deputado de Marea Vigo, Xosé Lois Jácome, sobre este asunto, que propoñía a retirada da Medalla de Ouro á Sección Feminina de Fet e das Jons.
Esta moción complementarase con máis actividades dentro do que o goberno bipartito da Deputación Provincial bautizaron como o Ano da Memoria, que inclúe tanto iniciativas a nivel cultural como a realización dun pleno conmemorativo no próximo mes de novembro "para homenaxear ás vítimas políticas e que foron represariadas, tanto traballadores como persoal político". Será "un dos fitos máis relevantes do ano da memoria".
Ademais, en sintonía con ese pleno conmemorativo, estúdase a colocación dunha placa conmemorativa para que "as persoas que pasen por este Pazo saiban que ten un pasado escuro que non hai que esquecelo" e para que toda a cidadanía sexa consciente de que tanto o Pazo Provincial como o edificio administrativo da Deputación situado tamén no Paseo de Montero Ríos "foron espazos de represión".