Fronte ás críticas do PSOE a Xunta garante a xestión pública na nova residencia para maiores

Cerdedo Cotobade
21 de maio 2019
Actualizado: 18:50

O xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este martes o centro de día e residencia de Cerdedo-Cotobade, acompañado polo seu alcalde

Reunión entre os responsables do Consorcio e os traballadores do centro de día Cerdedo-Cotobade
Reunión entre os responsables do Consorcio e os traballadores do centro de día Cerdedo-Cotobade / Xunta de Galicia

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou esta martes o centro de día e residencia para maiores de Cerdedo. Alí, asegurou que a nova residencia para maiores, que está neste momento en construción, manterá o mesmo modelo de xestión que ten o actual centro de día e residencia, xestionados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do Consorcio.

Tamén visitaron estas instalacións e interesáronse polas inquedanzas dos traballadores as socialistas Lina Garrido, candidata á Alcaldía, Patricia Vilán, deputada autonómica, e Carmen Fortes, concelleira por Cerdedo que aseguraron que "a privatización do Fogar Residencial de Cerdedo é unha realidade, aínda que de momento avance calada e paseniñamente".

Fronte a esas críticas Rodríguez quixo deixar claro que cando estea rematada a obra do novo edificio, tanto a residencia, como o centro de día, continuarán sendo instalacións de titularidade cen por cen pública e que, como ate o de agora, o Consorcio será o encargado da súa xestión.

Nese senso, o xerente do Consorcio garante que "se incrementará o cadro de persoal en función das novas necesidades que suporán unhas instalacións máis amplas e o aumento da oferta para a atención aos maiores de Cerdedo-Cotobade e a súa área de influencia".

DENUNCIA DOS SOCIALISTAS

A agrupación socialista criticou que "apenas unhas horas antes da nosa visita o PP acude co xerente do Consorcio de Benestar, Perfecto Rodríguez, para calar ao persoal cinco días antes das eleccións municipais dicíndolles que non se vai privatizar o centro, facendo promesas de palabra. Non falaron de todas as que privatizaron xa, nin de que non hai plazas públicas, senón concertadas, a través das que se financia só o 20% do custo total da plaza".

As representantes do PSOE reprocharon ao xerente do Consorcio e ao alcalde que no dixeran nada de que a media de espera para a concesión dunha praza "é de un ano e medio" nin da necesidade de mellorar a alimentación, "porque recordamos que alimentan aos nosos maiores con comida elaborada tres días antes por unha empresa de cátering de Santiago de Compostela, cando o edificio conta cunha cociña totalmente equipada".

Nesa reunión, engadiron, tampouco puxeron sobre a mesa a necesidade de mellorar o transporte, ou dotar á nova infraestrutura dunha zona verde polo que as socialistas pediron "seriedade" neste tema "tan importante" e "unha atención digna, de calidade, con todos os servizos e, por suposto, unha xestión pública".

A FINAIS DE 2020

As obras, que comezaron en outubro de 2018, permitirán dedicar en exclusiva a centro de día o actual edificio (que comparte servizos de centro de día e residencia), mentres que o novo inmoble estará ocupado na súa totalidade pola parte residencial, que ampliará a súa oferta en 30 prazas, pasando de 18 a 48.

A previsión é que a nova residencia, na que a Consellería, a través do Consorcio, inviste un total de 1,7 millóns de euros repartidos en tres anualidades (2018, 2019 e 2020), poida entrar en funcionamento a finais do próximo ano 2020. A construción do novo edificio para uso residencial no centro para a atención aos maiores de Cerdedo é posible gracias ao convenio que Política Social e o Concello de Cerdedo-Cotobade asinaran en marzo do ano pasado.