Cinco dos sete representantes do Partido Popular nas grandes cidades galegas, todas as situadas no Eixo Atlántico, fixeron este sábado unha fronte común para reclamar ao Goberno a chegada da alta velocidade e a mellora dos seus respectivos servizos ferroviarios.
Así, José Manuel Rey (Ferrol), Miguel Lorenzo (A Coruña), Borja Verea (Santiago), Rafa Domínguez (Pontevedra) e Marta Fernández-Tapias (Vigo) criticaron o incumprimento nos prazos de chegada dos trens Avril ou a a escaseza de frecuencias e os atrasos que sofre a liña do Eixo Atlántico.
Recordaron que esta é a segunda liña de media distancia con máis usuarios de toda España.
"Pontevedra non está desfrutando nin aproveitándose ao 100% da alta velocidade, entre outras cousas, porque Pedro Sánchez leva moito tempo esquecéndose de Galicia", asegurou o voceiro do PP na cidade do Lérez.
Neste sentido, explicou que "non se cumpriu en tempo e forma" coa chegada dos trens Avril, que se están demorando dun "xeito insoportable", unha situación que segundo Domínguez xera "enormes atrasos" no tráfico ferroviario da cidade.
O dirixente popular esixiulle a Sánchez que "cumpra con Galicia" para que Pontevedra poida facer uso dun AVE "en condicións".
Os populares pediron ademais que se repoñan todas as frecuencias na liña ferroviaria A Coruña-Vigo porque, tres anos despois da pandemia, aínda non se volveu á situación previa; e que se poña fin á "baixa calidade do servizo", cheo de atrasos e avarías e con escaseza de frecuencias.
"Cada vez hai menos frecuencias e cada vez hai máis usuarios, polo que cómpre incidir en que moitos deles empregan o tren para ir traballar e non é de recibo que teñan que mercar o seu billete con máis de 15 días de antelación", denuncian os líderes populares.