Entre encomios mutuos polo talante e a disposición ao "diálogo, consenso e entendemento", Miguel Anxo Fernández Lores e Iván Puentes rubricaron este venres o acordo alcanzado entre BNG e PSdeG-PSOE para aprobar o orzamento municipal para 2025.
Estas contas, que ascenderán inicialmente até os 98,6 millóns de euros, conformarán un orzamento co que "mirar cara ao futuro" e que está a pensar para "adiantarnos aos retos que están por chegar", segundo destacou o alcalde de Pontevedra.
Fernández Lores explicou que o orzamento de 2025 virará ao redor de catro eixos, a adaptación do municipio ao cambio climático, a mellora da calidade de vida dos habitantes de Pontevedra, a promoción da cidade e o mantemento de espazos públicos.
O alcalde mostrouse "satisfeito e encantado" de chegar a un acordo cos socialistas e destacou que a trintena de medidas que, a proposta do PSdeG-PSOE, se introducirán no documento servirán para "mellorar" o orzamento para 2025.
"Nestes 25 anos, se esta cidade avanzou foi porque tivemos apoio do PSOE, estivese no goberno ou non", sinalou o rexedor pontevedrés, que se engadiu que sen ese apoio "non poderiamos ter chegado a onde chegamos".
Iván Puentes, pola súa banda, recoñeceu que este orzamento para 2025 "non sería o que faría o PSOE en solitario, nin o que faría o BNG en solitario", pero considera que "iso non é unha debilidade, senón unha tremenda fortaleza".
Apuntou que o consenso e a capacidade de poñerse de acordo "é o mellor que pode haber en política", algo que considera que é "valente e responsable" porque "é o que os veciños nos piden, que por enriba das diferenzas, sexamos capaces de poñernos de acordo".
Fronte a esta postura, Puentes criticou a aqueles -en referencia ao PP- que apostan pola "confrontación permanente" e a política de "terra queimada", un comportamento que "dá moitos titulares, pero que non nos leva a ningún lugar ou cando menos a ningún lugar bó".
Dentro de dous anos, segundo o líder socialista, os veciños deberán facer un balance "do que lle deben a Rafa Domínguez e do que lles deben ao PSOE e ao BNG" e, a este respecto, subliñou que "de momento, en 2024 e 2025, a Rafa Domínguez non lle van deber nada".

Entre as propostas que o PSOE logrou incluír no orzamento, cifradas en total nuns 4,1 millóns de euros, destaca a elaboración dun estudo para a mellora da mobilidade no ámbito de San Roque e Raíña Vitoria que oriente a ordenación do tráfico, entre Campo da Torre e Palamios.
"Hai que mirar cara a adiante", explicou Iván Puentes, que avogou pola necesidade de "ser valentes e non deixar aparcado este tema", a pesar das diferenzas existentes entre ambos os dous partidos e que non foron unha liña vermella para non facer "descarrilar" o acordo.
Ademais, impulsarase a redacción dos proxectos para renaturalizar a ribeira urbana do Lérez en Rafael Areses, Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán ou para a restauración ambiental do tramo final do Gafos entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras.
Tamén se dará un impulso á mellora do parque de Valdecorvos, á recuperación do ámbito dos Salóns do Lérez e da praia fluvial, á urbanización da parcela baixo a ponte da AP-9 en Mollavao ou á creación dun circuíto de pump-track en Monte Porreiro.
Os socialistas lograron introducir nas contas a execución do parque entre Serra e Bos Aires, 600.000 euros máis para reparar vías rurais, completar o saneamento no rural e en Ponte Muíños ou 400.000 euros para actuacións en centros socioculturais.
A iso súmanse 200.000 euros máis para o mantemento dos colexios, incrementar en 30.000 euros as subvencións aos clubs deportivos, a instalación de dous aseos inclusivos ou a contratación de tres novos traballadores para o departamento de servizos sociais.
O Concello comprométese ademais a executar en 20025 actuacións xa comprometidas, entre elas a nova iluminación na Illa das Esculturas e a Xunqueira de Alba, a conexión peonil entre Alba e o parque da Tomba, a apertura dos xardíns da UNED, a renovación paisaxística das zonas verdes de Monte Porreiro ou a reforma da Praza de Pasarón.
Tras este acordo, os servizos técnicos municipais continuarán coa tramitación do orzamento para que as contas de 2025 poidan aprobarse canto antes. A previsión é que o pleno poida celebrarse na primeira quincena de febreiro.