Un funcionario do Centro Penitenciario da Lama foi agredido durante a xornada deste mércores 28 de maio durante un incidente ocorrido nun dos módulos da prisión pontevedresa, segundo confirmaron a PontevedraViva fontes penitenciarias.
Os feitos desenvolvéronse cando un interno, en estado de axitación, sacou un obxecto punzante de fabricación artesanal coa intención de agredir o funcionario na zona do economato do módulo.
Aínda que o traballador logrou esquivar o ataque coa arma improvisada, o recluso conseguiu golpealo na cara coa man.
A rápida actuación do propio funcionario, xunto coa intervención doutros profesionais do centro que acudiron inmediatamente ao módulo ao detectar o altercado, foi fundamental para controlar a situación e evitar consecuencias máis graves.
Como medida preventiva tras o incidente, a dirección do centro decidiu aplicar o réxime de illamento provisional tanto ao agresor como a outro oito internos que, segundo as mesmas fontes, estaban a apoiar a actitude violenta do recluso que protagonizou o ataque.
As autoridades penitenciarias manteñen aberto o protocolo habitual para investigar o suceso e determinar as sancións disciplinarias que correspondan aos implicados.
Os sindicatos ACAIP-UXT e Tu Abandono Me Puede Matar (TAMPM), como consecuencia destes feitos, volveron a esixir o recoñecemento do persoal penitenciario como axentes da autoridade e a consideración do seu labor como profesión de risco.