Funcionarios municipais piden ao concelleiro de Persoal que abandone a crispación e retome a negociación

Pontevedra
02 de maio 2018

Os traballadores decidiron en asemblea poñer en marcha unha serie de medidas de protesta para mostrar o "malestar" que actualmente hai xeneralizado entre o persoal pola actual proposta de negociación que puxo sobre a mesa o goberno local e polo "cariz que está tomando" o asunto 

Roda de prensa de Vicente Ferrería e Héctor Santaló, representantes de CC.OO. e AFUMPO
Roda de prensa de Vicente Ferrería e Héctor Santaló, representantes de CC.OO. e AFUMPO / Paula Sanmartín

Funcionarios do Concello de Pontevedra decidiron en asemblea poñer en marcha unha serie de medidas de protesta para mostrar o "malestar" que actualmente hai xeneralizado entre o persoal pola actual proposta de negociación que puxo sobre a mesa o goberno local e polo "cariz que está tomando" o asunto, pois acusan o concelleiro de Persoal, Vicente García Legísima, de abonarse á vía da "crispación".

As medidas acordadas foron dar unha rolda de prensa para dar a coñecer a súa postura, convocar unha concentración ante a sede do Concello na rúa Michelena o vindeiro luns 7 de maio ás 11.00 horas e acudir ao próximo pleno da corporación. A primeira medida xa a realizaron este mércores, cunha comparecencia de representantes de CC.OO e a asociación de funcionarios do Concello (Afumpo), Vicente Ferrería e Héctor Santaló.

Con esas medidas de protesta aspiran tamén a pedir ao goberno local que retome as negociacións, que aseguran que "llevan tiempo paradas". Nesta petición móstranse xuntos CC.OO. e Afumpo, pero CIG nin sequera acudiu á asemblea de traballadores celebrada o pasado venres e UXT acudiu, pero decidiu non asumir os acordos alí adoptados. 

Héctor Santaló lembrou que o actual esquema organizativo do Concello de Pontevedra remóntase ao ano 1999 e nos case 20 anos transcorridos realizáronse reformas lexislativas sen que se realizasen axustes nas funcións asignadas aos funcionarios nin nas súas retribucións, senón que se optou por "apaños, solucións puntuais a problemas puntuais", sen pensar nas consecuencias a medio prazo e "sen planificar como implementar esas modificaciósn a medio prazo"

O resultado é que hai unha estrutura "obsoleta e ineficiente" que agora se consolida na proposta realizada pola empresas á que se encargou a asistencia técnica para actualizar o catálogo de funcións dos traballadores municipais. 

Ante tal situación, o que piden é "unha apertura de miras por parte da administración" e que, cando sente a negociar cos traballadores "non se sente nun plano de autoridade, de superioridade".

Vicente Ferrería critica esa situación de "crispación" e solicita "que non se busque a vía da división e a confrontación, senón a do diálogo efectivo". No caso de que non detecten un cambio de actitude pola súa banda, xa anuncian que as mobilizacións se irán incrementando.

Ademais, cuestiona a actitude de García Legísima cara os policías municipais, dos que criticou que 14 puxéronse enfermos o mesmo día de forma imprevista. Considera que "non é de recibo que se queira criminalizar ao colectivo da Policía Local", pois teñen as reivindicacións de todos os funcionarios: "é un conflito dos traballadores do Concello, non da Policía Local".

Ferrería móstrase moi crítico co edil de Persoal e advírtelle: "señor concelleiro, isto deixa pousos. Se enfrontamos aos policías locais con outros colectivos, xeramos un problema dentro da nosa administración e isto vai quedar". Ademais, lémbralle que a organización administrativa actual "é do século pasado" e "case 20 anos despois non nos poden pedir que teñamos paciencia"