A Fundación A.M.A. lanza unha nova convocatoria de bolsas con 137 axudas para a formación de profesionais sanitarios

Pontevedra
14 de novembro 2025

En total destinaranse 264.000 euros a esta iniciativa, coa que se apoia a formación, a investigación e o desenvolvemento dos profesionais da saúde

Diego Murillo, presidente de A.M.A.
Diego Murillo, presidente de A.M.A. / A.M.A.

A Fundación A.M.A., presidida polo Dr. Diego Murillo, abriu o prazo da súa XX Convocatoria de Bolsas dirixida a apoiar a formación dos futuros profesionais sanitarios. Este programa, consolidado como unha das principais iniciativas de impulso académico do ámbito sanitario, destinará nesta edición 264.000 euros a 137 axudas para a preparación dos exames de especialización e formación de posgrao.

As bolsas están dirixidas a licenciados, graduados ou estudantes de último ano de Medicina, Farmacia, Enfermaría, Psicoloxía, Química, Bioloxía, Física, Veterinaria e Fisioterapia, que teñan a condición de mutualistas ou asegurados de A.M.A., ou sexan familiares en primeiro grao.

En concreto, outorgaranse 50 bolsas de 3.000 euros para os cursos de preparación ao exame de Médicos Internos Residentes (MIR); 20 bolsas de 1.600 euros para Enfermeiros Internos Residentes (EIR); 15 bolsas de 2.000 euros para Farmacéuticos Internos Residentes (FIR); 12 bolsas de 1.000 euros tanto para licenciados en Veterinaria, como para licenciados en Fisioterapia; 10 bolsas de 1.000 euros para Psicólogos Internos Residentes (PIR), e 6 bolsas de 1.000 euros para para cada unha das especialidades de Química (QIR) , Bioloxía (BIR) e Física (FIR)..

Os aspirantes deberán presentar a súa solicitude cumprimentando o formulario disposto na páxina web de Fundación A.M.A. ata o 17 de febreiro de 2026. O sorteo celebrarase en Madrid o 19 de febreiro, e os resultados comunicaranse mediante correo electrónico aos gañadores e suplentes antes do día 5 de marzo de 2026.

Esta convocatoria, que cumpre xa 20 edicións, reflicte o compromiso da Fundación A.M.A. coa formación, a investigación e o desenvolvemento dos profesionais da saúde. Ao longo destes anos, a entidade destinou máis de tres millóns de euros a apoiar o talento e a preparación de miles de novos sanitarios que comezan a súa carreira.