A Fundación Amancio Ortega entrega á Xunta a residencia de maiores da Eiriña

Pontevedra
30 de outubro 2024

Esta residencia da Eiriña comezará a recibir usuarios no primeiro semestre de 2025. O centro conta con 120 prazas, distribuídas en 42 habitacións dobres e 36 individuais

Visita das autoridades á Residencia de maiores da Eiriña
Visita das autoridades á Residencia de maiores da Eiriña / EFE / Salvador Sas

A Fundación Amancio Ortega entregou este mércores á Xunta a chave da residencia que construíu, equipou e financiou integramente no barrio pontevedrés da Eiriña, lugar que lle dá tamén nome a esta infraestrutura que se incorpora á rede pública autonómica.

Ao acto asistiu a presidenta desta fundación, Flora Pérez Marcote; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Deputación, Luís López, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.

En nome da Fundación Amancio Ortega falou o seu vicepresidente José Arnau Sierra, que tamén é vicepresidente executivo do Grupo Pontegadea e vicepresidente de Inditex.

Segundo lembrou, a de Pontevedra é a terceira residencia que se entrega á Xunta das sete que se previron no protocolo asinado en setembro de 2019. "É realmente satisfactorio para nós", comentou.

José Arnau destacou que é un plan "ambicioso", consistente en crear residencias urbanas en Galicia, que "tiña a ambición non só de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores e coidalos, senón que tiña un certo impacto económico porque o investimento total son uns 180 millóns, aproximadamente 25 millóns por residencia".

Despois dunha visita polas instalacións da nova residencia pontevedresa, José Arnau expresou a súa satisfacción co resultado e comentou que "resulta evidente que si se conseguiu crear un fogar". Ademais, celebrou que na construción do edificio foron "rápidos e eficientes" polo que concluíu que "respondemos ben á confianza que se puxo nós".

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda anunciou que esta residencia da Eiriña comezará a recibir usuarios no primeiro semestre de 2025.

O centro conta con 120 prazas, distribuídas en 42 habitacións dobres e 36 individuais. Ademais hai zonas de atención especializada, salas de terapias, consultas médicas, servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, salas de convivencia ou barbaría, entre outros.

Segundo comentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores "non repararon en gastos". Unha mostra do carácter vangardista do centro son as unidades psicoxeriátricas coas que conta, para a atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias.

Lores tamén desvelou que cando o Concello de Pontevedra tivo coñecemento do proxecto que ía levar a cabo a Fundación non tivo reparos en ofrecer esta céntrica parcela "a xoia da coroa", algo que engade valor a esta residencia para persoas maiores que é a sexta, entre públicas e privadas, que ten a cidade de Pontevedra.

En Galicia, con este novo centro, contan xa con prazas públicas máis de 16.000 persoas, máis do triplo que en 2009.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora