A Fundación Galega contra o Narcotráfico entregará as súas "Nécoras de Ouro" nunha gala que se celebrará este mércores, 30 de abril, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.
Estes Premios son outorgados anualmente pola Fundación para recoñecer o meritorio labor desenvolvido por persoas e entidades na loita contra o narcotráfico e as drogodependencias.
Para iso o Padroado da entidade avalía as candidaturas propostas, tanto internamente como desde os diversos colectivos profesionais e entidades que habitualmente colaboran con esta Fundación na loita contra o narcotráfico e as drogas.
Nesta nova edición acordaron conceder a Nécora de Ouro á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil "en recoñecemento ao seu sobresainte traballo e decisiva contribución á loita contra o narcotráfico en Galicia e en España desde a fundación da unidade en 1987".
Igualmente prémiase o traballo do Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias (SPAD) de Vilagarcía de Arousa por "a importancia do labor psicosanitaria desenvolvida na comarca do Salnés polos profesionais que conforman a unidade ao longo da súa extensa traxectoria", de 38 anos ofrecendo coidado e atención a numerosas persoas.
Tamén se premia a Alejandra Andrade Losada, xornalista responsable dos programas Fuera de Cobertura (Cuatro TV) realizados para informar sobre narcotráfico e adiccións en Galicia e España. E a José Anuncio Mouriño Rañó, membro de Cáritas, "polo seu compromiso persoal e o sobresaliente labor realizado no ámbito da asistencia e atención a persoas drogodependentes en situación de pobreza e marxinalidade social".
Recibirá unha distinción de honra o Colexio de Procuradores da Coruña, "pola súa decisiva contribución á creación e posta en marcha do Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico en Galicia".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.