Funeraria San Marcos doa 'smartphones' para que ingresados en Montecelo poidan facer videochamadas ás súas familias

Pontevedra
03 de abril 2020

O xerente da empresa pontevedresa, Juan Perdiz, entregou ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, os terminais este venres no hospital de Montecelo

Funeraria San Marcos entrega cinco móbiles de última xeración ao complexo hospitalario
Funeraria San Marcos entrega cinco móbiles de última xeración ao complexo hospitalario / Funeraria San Marcos

A empresa pontevedresa Funeraria San Marcos ven de entregar no Complexo Hospitalario de Pontevedra cinco móbiles de última xeración para que as persoas que se atopan ingresadas nos hospital de Montecelo poidan manter o contacto coas súas familias a través de vídeoconferencia.

Este venres o xerente de San Marcos, Juan Perdiz, desprazouse ata o complexo hospitalario para facer entrega dos terminais ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez. Na entrega tamén estiveron presentes a directora de procesos de soporte, Estrella López, e a supervisora de información e atención ao usuario, Loreto Casal.

Tratase duns terminais especiais para o uso con produtos desinfectantes, a parte doutras características, que a empresa funeraria San Marcos solicitou a pasada semana e que chegaron nas últimas horas ao noso país. 

"Estes días estamos a vivir momentos moi difíciles, queremos deste xeito colaborar para que sexa posible a comunicación entre os pacientes que se atopan ingresados no complexo hospitalario de Pontevedra e as súas familias", sinalou Juan Perdiz. 

"Estamos a ver como as familias non se poden despedir dos seus seres queridos e son situacións realmente complicadas", recoñece, "por iso quixemos aportar un pouco de ilusión nos pacientes para que poidan comunicarse e verse, aínda que sexa a través dunha pantalla, coas súas familias", sentenciou.