O futuro barrio de San Mauro, en dúbida tras o cambio de postura de PP e PSOE

Pontevedra
12 de maio 2026

PP e PSOE apoian revisar o proxecto de 2.010 vivendas protexidas, o que rompe o consenso previo e preocupa ao goberno local do BNG, que teme un posible bloqueo do desenvolvemento urbanístico

Recreación do espazo urbano previsto para San Amaro en A Parda Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

O consenso político e institucional que até agora acompañaba ao futuro desenvolvemento urbanístico de San Amaro comezou a racharse.

O apoio de PP e PSOE a unha moción que expón revisar aspectos fundamentais do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) impulsado pola Xunta acendeu as alarmas no goberno local, que teme que o proxecto poida quedar bloqueado e atrasar a construción de máis de 2.000 vivendas protexidas previstas para a cidade.

A fractura fíxose visible este martes durante a comisión municipal de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. Alí, populares e socialistas escenificaron un cambio de posición respecto dun plan que até hai apenas uns meses contaba con respaldo unánime.

O proxecto de San Amaro, promovido pola Xunta a través dun PIA, contempla a creación dun novo barrio con 2.010 vivendas protexidas nunha superficie de máis de 21 hectáreas entre O Marco, A Parda e San Amaro. Con todo, as protestas veciñais e o malestar de propietarios afectados por posibles expropiacións acabaron modificando o taboleiro político.

A moción presentada polo PSOE de Iván Puentes e apoiada polo PP reclama que o Concello se reuna de inmediato cos afectados para recoller as súas demandas e trasladalas á Xunta. O texto tamén pide revisar a afección sobre determinadas propiedades, especialmente no caso de vivendas habituais cuxos propietarios non desexen ser expropiados.

Ademais, os socialistas solicitan á Consellería de Vivenda, dirixida por María Martínez Allegue, que abra un proceso de diálogo cos veciños para explicar o proxecto con detalle, estudar alternativas urbanísticas e garantir compensacións "xustas" tanto económicas como residenciais para as persoas afectadas.

Entre a propostas figura tamén reorganizar as alturas previstas no futuro barrio para suavizar o impacto urbanístico entre as novas edificacións e as actuais vivendas unifamiliares da zona.

O PP de Rafa Domínguez engadiu ademais unha emenda para instar ao Concello a iniciar a redacción dunha novo PXOM, co obxectivo de avanzar cara a unha planificación urbanística "máis racional e participativa". A proposta saíu adiante grazas á abstención socialista.

Desde o goberno local do BNG observan con preocupación este xiro político. O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Cesar Mosquera, lembrou que tanto PP como PSOE apoiaran por unanimidade a delimitación do ámbito do PIA no pleno celebrado en setembro de 2025.

Mosquera insistiu en que existe consenso sobre a necesidade de mellorar a xestión das expropiacións e garantir indemnizacións axeitadas, pero considera que cuestionar agora o proxecto pode ter consecuencias importantes para a cidade.

Segundo advertiu, dar marcha atrás suporía atrasar polo menos ano e medio a construción de vivendas protexidas nun momento de forte tensión no mercado inmobiliario.

O edil nacionalista comparou ademais a situación co ocorrido anos atrás coa variante de Alba, un proxecto impulsado pola Xunta que terminou arquivado tras perder apoio político e veciñal. Lembrou Mosquera que anos despois a propia Xunta acabou recuperando practicamente o mesmo deseño para a futura conexión entre Campañó e Lérez.

Mentres tanto, o futuro do PIA de San Amaro queda agora pendente do debate plenario do próximo luns e, sobre todo, da decisión final da Xunta, que ten a última palabra sobre a tramitación do proxecto.

O goberno local confía en que o plan siga adiante, aínda que o escenario político xa non parece tan sólido como hai uns meses.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora