Até nove metros de profundidade. Ese será o tamaño da escavación que haberá que facer para poder mellorar o bombeo do sistema de saneamento de Portonovo.
Así o confirmou este xoves o goberno municipal, que asegura ser "consciente" das molestias que xerarán estes traballos, que obrigarán a desviar o tráfico.
"Non hai outra opción posible para poder mellorar a rede de saneamento e garantir un crecemento ordenado e sostible de Portonovo", admiten desde o Concello.
As obras de mellora do bombeo do Espiñeiro consisten na substitución da actual tubaxe cun diámetro de medio metro por outra do dobre de capacidade e un metro de diámetro.
Tamén se cambiarán as tres bombas de impulsión de 250 litros por segundo por catro novas bombas, unha delas de reserva, de 420 litros por segundo, o que supón case un 30% máis de capacidade.
Ademais, esta actuación inclúe a instalación de reixas e trituradoras máis grandes para trocear calquera sólido, mellorando así o envío das augas residuais cara á depuradora de Paxariñas e dun tanque de tormentas cunha capacidade de 300 metros cúbicos.
Este depósito permitirá almacenar auga en momentos puntuais cando o caudal supera a capacidade da rede e o seu posterior envío á depuradora unha vez que se recupere a normalidade.
As obras do bombeo do Espiñeiro forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da rede de saneamento e depuración incluído nun convenio entre Acuaes e os concellos de Poio e Sanxenxo, que conta cun investimento de 24 millóns de euros.
O convenio complétase coas obras para dobrar a capacidade da depuradora de Paxariñas, un novo emisario submarino, a mellora dos bombeos de Sanxenxo, Areas e Montalvo e a construción de novos bombeos na Granxa e Nanín.