A Gala de Turismo da Deputación móvese ata o interior nunha edición histórica en Moraña

Umia
28 de abril 2025

Terá lugar este martes, 29 de abril, ás 19:30 horas, no Pazo da Toxeiriña e será retransmitida en streaming a través das páxinas webs da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas

Pazo A Toxeiriña, en Moraña
Pazo A Toxeiriña, en Moraña / Pazo A Toxeiriña

O Pazo da Toxeiriña, en Moraña, acollerá esta semana un fito histórico. Acollerá a Gala de Turismo da Deputación de Pontevedra, que se celebrará por primeira vez no interior da provincia.

A Deputación tomou esta decisión en sintonía coa campaña promocional deseñada polo organismo para este 2025: 'Cando volves?'.

A gala celebrarase este martes, 29 de abril, ás 19:30 horas e será retransmitida en streaming a través das páxinas webs da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas.

A Gala será conducida pola xornalista Rocío Delgado e contará coa actuación musical de Montedapena. Trátase de Héctor Rodríguez, membro de Lontreira, que durante a Gala presentará o seu proxecto artístico en solitario.

O evento, segundo a información facilitada pola Deputación será dinámico e participativo e xirará arredor dos eixos e das pezas audiovisuais da campaña estreada en Fitur en xaneiro e que foi xa premiada en festivais de campañas de promoción turística en Xapón e Sudáfrica.

Ao longo do acto farase unha viaxe polo interior da provincia a través das súas paisaxes, da súa historia, dos seus sons ou mesmo do firmamento e contará, para elo, con persoas convidadas que completarán as imaxes con información sobre estas e outras moitas cuestións.

A calidade turística terá un papel principal durante a Gala de Turismo. Serán protagonistas as empresas da provincia que conseguiron o distintivo de calidade turística do SICTED este ano e aproveitarase tamén para render homenaxe a aquelas que levan implicadas neste proceso de mellora continua desde que a Deputación de Pontevedra comezou a implantalo na provincia no 2005, hai xusto 20 anos.