As Galerías Oliva celebran a chegada do verán cunha semana de actividades e premios para a clientela

Pontevedra
18 de xuño 2026

Baixo o lema "Xa é Verán nas Galerías Oliva", a iniciativa desenvolverase entre os días 20 e 27 de xuño cun amplo programa de actividades gratuítas

Persoas tecendo nas Galerías da Oliva
Persoas tecendo nas Galerías da Oliva / PontevedraViva

O Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental e as Galerías Oliva impulsan unha nova campaña de dinamización comercial coincidindo co inicio da tempada estival.

Baixo o lema "Xa é Verán nas Galerías Oliva", a iniciativa desenvolverase entre os días 20 e 27 de xuño cun amplo programa de actividades gratuítas dirixidas aos clientes dos establecementos participantes.

A proposta pretende incentivar as compras no comercio local e converter as galerías nun espazo de lecer e convivencia para públicos de todas as idades. Para participar nas distintas actividades, os asistentes deberán presentar os tickets das súas compras realizadas durante os días da campaña.

O programa inclúe diversas accións organizadas en colaboración con negocios situados nas propias galerías.

Así, o Estudio Glau Fonseca ofrecerá sesións abertas de danza oriental, ioga e baile, mentres que Grazy protagonizará un desfile de peiteados.

Pola súa parte, Comercio Xusto organizará unha degustación de cafés e chocolates procedentes de distintos países, e a escritora Marta Abal dará a coñecer a súa obra Los ojos a través del caos. Ademais, a escola Danzamos realizará unha exhibición de bailes flamencos e latinos aberta ao público.

Entre as actividades previstas destaca tamén unha ruleta de premios, a través da cal os clientes poderán optar a diferentes vales de compra para empregar nos establecementos participantes.

A programación reserva igualmente un espazo específico para o público infantil. O xoves 26 de xuño celebrarase unha actividade inspirada no formato Masterchef, con aforo limitado, na que os máis pequenos poderán desenvolver a súa creatividade e demostrar as súas habilidades culinarias nun ambiente participativo e lúdico.

Desde a organización subliñan que esta campaña forma parte da súa estratexia de apoio ao comercio de proximidade, promovendo accións que contribúan a dinamizar a actividade económica e a reforzar o papel dos espazos comerciais como lugares de encontro social.

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, que cofinancia esta acción integrada dentro dos programas de promoción e fortalecemento do comercio local.