Galicia investirá 2,4 millóns para garantir a liquidez das axencias de viaxes

Sanxenxo
26 de decembro 2020

Estas liñas de axudas, que se enmarcarán dentro do plan de choque para o sector turístico, permitirán ademais crear paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia e avanzar na promoción do Xacobeo 2021

Reunión de Alfonso Rueda con axencias de viaxes en Sanxenxo
Reunión de Alfonso Rueda con axencias de viaxes en Sanxenxo / Xunta de Galicia

Nunha xuntanza que se celebrou en Sanxenxo, o goberno galego anunciou que investirá 2,4 millóns de euros en axudas para garantir a liquidez das axencias de viaxes, un dos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19.

Estas liñas de axudas, que se enmarcarán dentro do plan de choque para o sector turístico, permitirán ademais crear paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia e avanzar na promoción do Xacobeo 2021.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou ao sector que a metade destas axudas, ata 1,2 millóns de euros, será para fomentar a cooperación entre operadores con apoio ás empresas do sector que se agrupen para crear novos paquetes e produtos turísticos.

O goberno galego tamén asinará convenios cos turoperadores e axencias con máis de dez empregados, ás que vai dirixida outra liña de axudas de 800.000 euros para financiar a estes negocios, reforzar a promoción de Galicia asociada ao Xacobeo 2021 e poñer en marcha novos produtos cos que reactivar a actividade.

As axudas complétanse cunha terceira liña de 400.000 euros para axudar ás axencias de viaxe a sufragar os gastos do pago anual do seguro obrigatorio de caución e responsabilidade civil. 

Rueda destacou que con estas medidas o goberno galego continúa a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e a axudar ao sector para reactivar o consumo.