A cuarta dose da vacina contra a covid-19 comeza a administrarse en Galicia este mesmo luns. Os usuarios das residencias de maiores volverán ser os primeiros en inmunizarse, pero Sanidade xa planea reabrir os 'vacinódromos' para abordar esta nova campaña.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou nunha entrevista concedida á Radio Galega que a Xunta prevé recorrer aos grandes centros de vacinación a partir do próximo 10 de outubro, cando comecen a ser chamados os maiores de 80 anos.
A data podería variar en cada unha das áreas sanitarias, segundo García Comesaña, que estima que esta cuarta dose exporase, como mínimo, para os cidadáns de máis de 60 anos.
Todos eles, asegurou o titular de Sanidade, serán citados "con antelación suficiente" para que "todo o mundo poida estar previsto" e, deste xeito, poidan acudir sen contratempos.
No caso de Pontevedra, o 'vacinódromo' volverá habilitarse na delegación da Xunta de Galicia, en Campolongo, segundo figura nos plans da administración sanitaria.
O conselleiro espera para esta campaña "o mesmo éxito que as anteriores" e puxo en valor "a vantaxe" de que as novas vacinas estean preparadas para facer fronte tanto á variante ómicron como á cepa orixinal.