Galinsect e Propplantae triunfan entre os 37 candidatos ao primeiro premio provincial de emprendemento

Pontevedra
14 de decembro 2022

A primeira edición destes galardóns impulsados pola Deputación de Pontevedra e a Fundación Roberto Rivas serviu para distinguir aos proxectos gañadores da quinta aceleradora de empresas turísticas, que son Alecrín e Meet Rural

Gala dos I Premios Anuais do Emprendemento da Deputación
Gala dos I Premios Anuais do Emprendemento da Deputación / Deputación de Pontevedra

Galinsect  e Propplantae son as flamantes gañadoras dos I Premios de Emprendemento da provincia convocados pola Deputación de Pontevedra, no marco do programa SmartPeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.

Os premios, unha nova iniciativa para apoiar o tecido emprendedor na súa transición dixital e aos que concorreron un total de 37 empresas, coñecéronse esta tarde na Gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo, evento conducido pola xornalista Raquel Pérez e coa guinda musical da man da cantante, compositora e produtora Rebeca Rods e o seu grupo de góspel. Durante o transcurso da Gala tamén se entregaron os premios ás dúas  mellores iniciativas entre as participantes da quinta edición da aceleradora de empresas turísticas, que recaeron en Alecrín e Meet Rural.

Os I Premios de Emprendemento repartiron 7.500 euros para as dúas mellores propostas de emprendemento ligadas ao rural e ao compromiso coa sostibilidade e a transición dixital. Deste xeito, a empresa Galinsect, radicada en Ponteareas da man de Rubén Recamán, alzouse con 4.000 euros. Mentres que Propplantae liderada por Vanesa Redondo e con sede en Nigrán obtivo 3.500 euros.

Galinsect é un proxecto de revalorización de residuos na industria agrícola e alimentaria para a produción industrial de insectos para o sector acuícola, agropecuario e de mascotas como solución sostible para a alimentación animal, mentres que Propplantae é un laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i que diagnostica enfermidades de plantas e prescribe tratamentos sostibles. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que cos I Premios de Emprendemento “recoñecemos a todas as mulleres e homes que apostan pola creación de empresas e pola posta en marcha de negocios, en definitiva, por emprender” e puxo en valor as “dúas perspectivas diferentes coas que se abordaron os premios, ruralidade e sostibilidade máis dixitalización”.

Pola súa banda a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, salientou que “é un motivo de satisfacción que houbese un número moi alto de empresas candidatas, e ademais de moita calidade, moi potentes e moi maduras con previsión de poder constituírse e de ser sostibles”. 

Durante a gala, as persoas asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man un claro caso de éxito de emprendemento da provincia: o da artesá de terceira xeración Elena Ferro, emprendedora de referencia natural de Vila de Cruces cuxo proxecto, no que traballa o coiro, a levou a gañar en 2019 o Premio Nacional de Artesanía.