'Galiza sen peaxe' bloqueará este sábado as cabinas da autoestrada en Campañó

Pontevedra
29 de marzo 2014

Militantes do BNG participarán neste acto de protesta, que consistirá no pagamento con céntimos de euro o prezo da peaxe. Reclaman un proceso de rescate público das autoestradas que permita a súa gratuidade

Cabinas de peaxe de Audasa na AP-9
Cabinas de peaxe de Audasa na AP-9 / PontevedraViva

O movemento 'Galiza sen peaxes' ten previsto organizar ás 17:30 horas desta tarde do sábado 29 un acto reivindicativo nas cabinas da peaxe da autoestrada situadas en Campañó.

Este movemento está organizado polo BNG e consistirá no pagamento do prezo da tarifa da peaxe con céntimos de euro co obxectivo de que se retarde o paso de vehículos. Os organizadores entregarán folletos informativos entre os condutores.

A intención desta protesta é que, en primeiro lugar, se conxelen os prezos das peaxes da AP-9, que se cumpra de xeito estrito dos compromisos das concesionarias en relación á calidade do servizo, tanto en relación cos cobradores coma coa iluminación e asfaltado dos viais. Pero a intención final é que, a través desta protesta, se inicie un proceso de rescate por parte da Administración pública das autoestradas que permita a súa integración na rede viaria galega e rematen converténdose en viais gratuítos.