GALP Pontevedra súmase á plataforma Marnoba de ‘Vertidos Cero’

Pontevedra
04 de maio 2020

O GALP Ría de Pontevedra colaborou coa plataforma Marnoba en 2019 a través do proxecto de educación ambiental, divulgación e ciencia cidadá ‘Amar o Mar: Ría de Pontevedra sen Plásticos’

Proxecto ‘Amar o Mar: Ría de Pontevedra sen Plásticos’ GALP Ría de Pontevedra

O GALP Ría de Pontevedra é o primeiro Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) de Galicia en unirse como entidade colaboradora á plataforma Marnoba, un proxecto da Asociación ‘Vertidos Cero’ distinguido con premios nacionais e internacionais.

A Asociación de ‘Vertidos Cero’ xurde da necesidade de facer partícipe ao conxunto da cidadanía da problemática xerada polas verteduras mariñas sobre a contorna e a calidade de vida das persoas. Esta entidade sen ánimo de lucro busca xerar unha conciencia social encamiñada cara a prevención, minimización e eliminación dos residuos, mediante a realización de actuacións concretas.

Dentro das súas actuacións destaca a plataforma Marnoba, activa desde 2013 e para a que se desenvolveu unha aplicación móbil gratuíta. A través desta app catalóganse os lixos mariños na costa, praias, flotantes e fondos. Toda a información é recollida por persoas voluntarias e entidades colaboradoras no denominado visor Marnoba.

O GALP Ría de Pontevedra colaborou coa plataforma Marnoba en 2019 a través do proxecto de educación ambiental, divulgación e ciencia cidadá ‘Amar o Mar: Ría de Pontevedra sen Plásticos’.

No programa participaron 231 escolares, mestres, nais e pais, de seis colexios, un por cada concello da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra. A actividade consistía
nunha charla de sensibilización, un xogo acorde a temática tratada e a limpeza dunha praia onde os escolares separaron e contabilizaron o lixo mariño atopado seguindo o protocolo da plataforma Marnoba.

Esta acción forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Galp Ría de Pontevedra, que ten entre os seus obxectivos impulsar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas de influencia do GALP, así como a mitigación do cambio climático e a contribución á concienciación cidadá.