O Grupo de Acción Local (GALP) do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra destinou un total de 1.253.639 euros en axudas durante o pasado ano a 17 proxectos impulsados por particulares, asociacións e administracións.
Estas iniciativas, esenciais para o desenvolvemento sostible da ría, recollen o apoio do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, que financia o 70% do investimento, completado polo 30% da Consellería do Mar.
Os proxectos beneficados distribúense en dous grandes bloques: os de tipo social e os empresariais. Nesta convocatoria, dez dos proxectos correspondían a iniciativas sociais, mentres que os sete restantes eran de carácter empresarial.
Entre as iniciativas sociais destacan as propostas para difundir o patrimonio marítimo, cultural, produtivo e ambiental.
Exemplos desta categoría inclúen a actuación do Concello de Bueu para potenciar a súa identidade cultural, e proxectos dos Concellos de Poio e Meaño para a capacitación de guías de turismo patrimonial ou a mellora das instalacións na praza de abastos.
A Lonxa de Campelo contempla dúas iniciativas como a dotación de equipamento axeitado para a embarcación encargada do coidado dos bancos marisqueiros e a celebración de xornadas para facerlles chegar directamente estudos realizados a este sector.
Ademais, as confrarías, como San Martiño en Bueu ou San Roque de Portonovo, apostan por facilitar o acceso á lonxa e modernizar os seus equipamentos, en beneficio tanto dos provedores como da clientela.
Do mesmo xeito, diversas entidades deportivas, entre as que destacan o Imua Paddle Surf Club Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Club de Piragüismo Cofradía de Pescadores de Portonovo, reciben o apoio necesario para renovar material e impulsar proxectos que promovan a igualdade de oportunidades e o respecto polos recursos mariños.
No ámbito empresarial, a maior parte dos proxectos centranse no sector do turismo.
En Poio, a iniciativa de pesca turismo liderada por Yago Tomé, a bordo do seu "Abuelo Sebas", e a proposta de turismo experiencial de Carballal Experience, encabezada por Xosé Xulian Ferradás na ría, destacan como pioneiras no sector.
Outras iniciativas, como a compra dunha embarcación accesible por Eolo Náutica SLU en Sanxenxo, a revitalización dunha casa rural para o turismo mariñeiro en Meaño e a construción de apartamentos turísticos en Poio, amosan o compromiso das empresas locais coa diversificación económica.
Ademais, proxectos como o Restaurante, situado nunha casa rehabilitada en Marín, e a iniciativa de Gomezuhia Inversiones SL, que incorpora a reciclaxe e a xestión de residuos metálicos para promover a economía circular, completan o panorama empresarial desta convocatoria.
Paralelamente, o GALP Ría de Pontevedra anuncia a apertura inminente dunha nova convocatoria de axudas para o ano 2025. Esta liña de subvencións manterá a mesma filosofía de apoio ao desenvolvemento sostible das áreas pesqueiras da ría, estimulando proxectos innovadores que contribúan á diversificación económica e á preservación do medio mariño.
As bases e os prazos de presentación publicaranse próximamente na páxina web do GALP Ría de Pontevedra.
As entidades, administracións ou particulares que estean a traballar nun proxecto compatible coa nova convocatoria poden contactar dende xa co GALP, a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico [email protected], para recibir asesoramento sobre o procedemento.