O Mercado de Pontevedra retoma os obradoiros infantís e as visitas educativas

Pontevedra
01 de setembro 2025
Actualizado: 12:41

Dirixido a rapazada de entre 4 e 10 anos, O Ganapán ofrece talleres gratuítos que combinan gastronomía, medioambiente e arte

Os escolares participan en numerosas actividades no Ganapán
Os escolares participan en numerosas actividades no Ganapán

Coa chegada de setembro, volve a actividade a O Ganapán, o espazo lúdico infantil do Mercado de Abastos de Pontevedra que leva unha década achegando aos máis pequenos os oficios tradicionais do mar e da terra.

Dirixido a nenos de entre 4 e 10 anos, O Ganapán ofrece obradoiros gratuítos que combinan gastronomía, medioambiente e arte, cunha forte aposta pola cultura galega, o comercio de proximidade e o consumo responsable. A iniciativa foi recoñecida polo Ministerio de Cultura como un proxecto inclusivo, diverso e innovador.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, anunciou o regreso dos obradoiros lúdico-gastronómicos que se celebran cada sábado ás 12:00 horas, cunha duración de 90 minutos. A participación require inscrición previa a través do correo [email protected], e as prazas esgótanse con rapidez.

O vindeiro sábado 13 de setembro celebraranse dous obradoiros: un gastronómico, no que se elaborará pan de pasas e noces; e outro artístico, centrado na sandía como símbolo do pobo palestino e como reivindicación de paz e solidariedade.

Ademais, a partir deste mes, O Ganapán ofrecerá 25 visitas guiadas ao mercado dirixidas a centros educativos do municipio, co obxectivo de dar a coñecer o traballo de mariñeiros, bateeiros, cociñeiras e outros oficios tradicionais galegos.

Visita escolar al Mercado de Pontevedra
Visita escolar ao Mercado de Pontevedra Concello de Pontevedra

GASTROESPAZO

Durante a mesma comparecencia, Gulías abordou o futuro da planta superior do Mercado de Abastos, coñecida como Gastroespazo, un proxecto nado hai seis anos coa intención de dinamizar o mercado mediante a concentración de locais hostaleiros. Con todo, co paso do tempo, os negocios foron pechando, deixando o espazo practicamente inactivo.

Para reverter esta situación, a Concellaría puxo en marcha este ano unha colaboración co CIFP Carlos Oroza, permitindo que o seu alumnado desenvolva prácticas formativas nesta contorna.

A concelleira adiantou que a intención do goberno local é "volver dar vida" a este espazo mediante un novo proceso de licitación dos postos baleiros. Segundo Gulías, xa existe unha lista de persoas interesadas en ocupalos, e prevese abrir o proceso como paso previo a un "proxecto máis ambicioso", cuxos detalles aínda non se desvelaron.

CÁTEDRA ESPAZO PÚBLICO

Na primeira planta do Mercado tamén se instalará a oficina na que se asentará a Cátedra sobre o Espazo Público. Unha actuación comprometida no protocolo asinado polo Concello de Pontevedra e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Por último, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, informou que dentro do Plan de Sustentabilidade de Turística en Destino o Concello de Pontevedra segue traballando para impulsar novas dinámicas no Mercado e, neste contexto, atópase a idea de impulsar un "mercado de troco" reorientando a actividade do mercadillo de antigüidades que leva a cabo os domingos nas rúas Serra, César Boente e na Praza da Pedreira.