Garanten que a piscina municipal cuberta estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020

Bueu
25 de setembro 2019

As obras de construción da piscina municipal cuberta de Bueu, paralizadas desde xullo pola xubilación do arquitecto do Concello, reanudaranse nos próximos días. O goberno municipal asegura que, a pesar deste atraso, a instalación estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020, tal e como estaba previsto inicialmente

Xuntanza no Concello polas obras da piscina de Bueu
Xuntanza no Concello polas obras da piscina de Bueu / Concello de Bueu

As obras de construción da piscina municipal cuberta de Bueu, paralizadas desde xullo pola xubilación do arquitecto do Concello, reanudaranse nos próximos días. O goberno municipal asegura que, a pesar deste atraso, a instalación estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020, tal e como estaba previsto inicialmente.

O alcalde, Félix Juncal, mantivo este mércores unha reunión coa empresa adxudicataria e co novo arquitecto municipal, Francisco Javier Ontañón Clemente, quen asumirá a dirección da obra e a coordinación de seguridade e saúde

Despois deste encontro, os servizos técnicos municipais visitaron as obras da piscina das Lagoas xunto á adxudicataria, Obras y Servicios Gómez Crespo SL, para ver as cuestións e aspectos técnicos de cara á programación das obras os próximos meses.

Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só faría fronte a menos de 50.000 euros.

Esta instalación vai supoñer, recorda o Concello, un gran incremento da saúde e na vida deportiva dos cidadáns e cidadás, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25 metros), se habilitarán diversas salas polivalentes para fomentar a práctica doutros deportes.