As festas patronais de Vilagarcía atravesan o ecuador cunha axenda chea de actos para as xornadas festivas do 15 e 16 de agosto.
A tradición e a diversión están totalmente garantidas estes días con eventos como a celebración de San Roquiño O Pequeno, a procesión popular de traslado da imaxe do santo ata a capela, a refrescante Festa da Auga ou a despedida do Festaclown.
E no apartado de concertos, a música galega será a protagonista coas actuacións de A Xaiba, Factoría de Subsistencia e a Banda de Cámara de Arousa, a maiores dos pasarrúas de Festicultores, Os Terribles de Arousa, Treboada de Gillán e as Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa.
Como xa se fixo a pasada edición, a Festa da Auga recupera a súa esencia polo que, como nas súas orixes, as molladuras correrán a cargo dos veciños que lancen auga dende os balcóns e, a pé de rúa, polos propios participantes na festa que, usando caldeiros, pistolas, sulfatadoras, globos ou que se lles ocorra, poderán combater corpo a corpo lanzando auga.
Aínda que se prescindirá de camións cisternas e mangueiras en consonancia cos criterios de sustentabilidade que deben rexer tamén nas festas, disporanse bidóns cheos de auga na Praza de Galicia e na encrucillada de Rey Daviña con Valentín Viqueira para que os participantes na festa poidan recargar as súas armas acuáticas.
Tamén con este obxectivo, neste ultimo punto e na rúa Conde Vallellano instalaranse liñas de aspersores para permanecerán operativas as billas da fonte da Praza da Independencia.
Por motivos de seguridade, baleiraranse as fontes da Praza de España, de Galicia e de Arcebispo Lago.
Como xa vén sendo habitual, para atender as posibles incidencias que se poden producir nun evento multitudinario como este, habilitarase un hospital de campaña na Praza da Peixería no que haberá persoal do Servizo Municipal de Emerxencias e unha ambulancia medicalizada dotada de médico e enfermeiro.
31 BARRAS EXTERIORES
O Concello de Vilagarcía autoriza a instalación de 31 barras exteriores durante a madrugada da Festa da Auga e amplía 2 horas o horario de peche.
Deberán montarse a partir das 22.00 horas do día 15 e terán que estar recollidas por completo ás 16.00 horas do día 16 para permitir as labores de limpeza viaria. Os mostradores non poderán obstaculizar o paso dos peóns pola vía pública nin impedir o uso do mobiliario urbano. En caso de que a disposición da barra impida o acceso aos aseos do local, o titular do mesmo deberá instalar baños químicos.
SUSPENSIÓN DO VAIBIKE!
O servizo municipal de aluguer de bicicletas deixará de funcionar temporalmente dende ás 20.00 horas do martes 15 de agosto ata primeira hora do xoves 17, coincidido coas celebracións da noite previa e da Festa da Auga. A suspensión do Vaibike! adóptase para previr danos e posibles actos vandálicos durante unha noite festiva na que Vilagarcía recibe a milleiros de persoas. Por esta mesma razón, as bicicletas das estacións do centro urbano da cidade retiraranse para a súa salvagarda. Os vehículos volverán aos seus postos e o sistema volverá a estar operativo a partir das 8 da mañá do xoves.