A Garda Civil investiga a dez menores por danos, roubos e o incendio dun vehículo municipal en Cambados

O Salnés
23 de xullo 2026

A investigación iniciouse  tras as denuncias presentadas polo Concello de Cambados, que alertou de varios episodios ocorridos en apenas unha semana

Vehículo incendiado en un acto vandálico
Vehículo incendiado en un acto vandálico

Axentes da Garda Civil de Cambados investigan a dez menores de entre 14 e 16 anos como presuntos autores de varios delitos de danos e roubo relacionados cunha serie de actos vandálicos rexistrados o pasado mes de xuño nas instalacións do Obradoiro de Emprego municipal.

As dilixencias xa foron remitidas á Fiscalía de Menores de Pontevedra.

A investigación iniciouse tras as denuncias presentadas polo Concello de Cambados, que alertou de varios episodios ocorridos en apenas unha semana e que provocaron importantes danos tanto en dependencias municipais como nun vehículo oficial.

Segundo informou este xoves a Garda Civil, o primeiro incidente tivo lugar o 19 de xuño. Os presuntos implicados accederon ao recinto do Obradoiro de Emprego despois de saltar o peche perimetral e forzar unha porta de acceso ao edificio. Unha vez no interior, causaron danos no material informático e levaron un teléfono móbil, un teléfono inalámbrico, dous taladros e varios chapeus.

Poucos días despois, entre o 23 e o 24 de xuño, o mesmo grupo protagonizaría un novo acto vandálico ao apedrear un vehículo oficial do Concello estacionado no recinto. Como consecuencia do ataque, quedaron esnaquizados todos os cristais do turismo e a carrozaría sufriu numerosos danos.

A escalada culminou durante a noite do 25 de xuño, cando o vehículo foi incendiado de forma intencionada. O coche quedou completamente calcinado e o lume alcanzou tamén parte das instalacións municipais, incrementando os danos materiais.

As pescudas desenvolvidas polos axentes permitiron identificar ao dez presuntos responsables, todos eles integrantes do mesmo grupo de mozos.

Ademais, a Garda Civil logrou recuperar parte dos obxectos subtraídos no primeiro roubo, que xa foron devoltos ao patrimonio municipal.

Objetos recuperados por la Guardia Civil
Obxectos recuperados Garda Civil

Os axentes tamén localizaron e informaron aos representantes legais dos menores sobre os feitos investigados.

Unha vez concluídas as dilixencias, o caso foi posto en coñecemento da Fiscalía de Menores de Pontevedra, que continuará coa tramitación do procedemento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora