Gardacostas rescata tres persoas ao quedar a súa lancha á deriva en Tambo

Poio
16 de marzo 2026

O buque Ría de Vigo remolcou a embarcación de recreo ata o porto deportivo de Pontevedra sen que se producisen danos persoais

Embarcación rescatada
Embarcación rescatada / Gardacostas de Galicia

O servizo de Gardacostas de Galicia auxiliou este domingo a tres persoas que navegaban nunha embarcación de recreo nas proximidades da illa de Tambo, na ría de Pontevedra.

O operativo activouse arredor das 14:40 horas, tras recibir o aviso do 112-SOS Galicia sobre unha lancha a motor que se atopaba sen propulsión e con dificultades para navegar.

Para a asistencia mobilizouse a embarcación auxiliar do buque Ría de Vigo, que nese momento estaba atracada no porto de Marín.

Os efectivos de salvamento desprazáronse ata o punto sinalado para localizar os tripulantes e iniciar as manobras de remolque.

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que os ocupantes, tres homes adultos, se atopaban en bo estado de saúde.

A intervención concluíu co traslado da lancha e dos seus pasaxeiros ata o porto deportivo de Ponte da Barca, en Pontevedra, onde a embarcación ten a súa base habitual.