Globos ao ceo dos usuarios de Amencer para pedir unha mellor integración social

Pontevedra
20 de maio 2016

Con este acto que se desenvolveu na praza de España, este venres inícianse os actos de celebración do 25 aniversario da asociación Amencer de axuda a persoas con parálise cerebral. Durante unha semana van realizarse diferentes actividades para dar visibilidade a esta doenza  

Participantes no acto de Amencer
Participantes no acto de Amencer

Que o deporte sexa máis adaptado, que os centros hospitalarios dispoñan de camas para os familiares de persoas con parálise cerebral e que se realicen máis actividades culturais destinadas a este colectivo son algunhas das 25 demandas expostas polos usuarios da asociación Amencer durante o primeiro acto de celebración do 25 aniversario desta organización.

Os usuarios realizaron esta actividade na praza de España durante este venres 20 con lanzamento de globos reivindicativos para que os representantes sociais e das administracións falen menos e fagan máis en relación cos pacientes de parálise cerebral e outras enfermidades neurolóxicas.

No acto participaron persoas coñecidas de diferentes ámbitos como a escritora Fina Casalderrey, a actriz Mayka Braña ou o cociñeiro Pepe Solla. Ao mesmo tempo, o presidente de Amencer, Carlos Godoy dirixiuse ás persoas que interviron no acto destacando os actos que se desenvolverán ao longo de toda esta semana na que buscan visibilizar esta doenza.

A directora xeral de Maiores e Persoas con discapacidade na Xunta de Galicia, Coro Piñeiro; a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva destacaron nos seus discursos o importante labor que desenvolve este colectivo para integrar estas persoas e amosaron o seu apoio para colaborar co obxectivo de crear unha sociedade máis igualitaria.