O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou a publicación no Boletín Oficial do Estado das obras de reparación da cuberta do cuartel da Garda Civil en Sanxenxo, unha infraestrutura que resultou gravemente danada polos temporais rexistrados o pasado mes de xaneiro.
Losada visitou recentemente as instalacións para comprobar de primeira man o alcance dos estragos ocasionados polo mal tempo e informou de que os trámites para a adxudicación das obras, mediante o procedemento de emerxencia, xa quedaron culminados.
Segundo explicou, os traballos serán adxudicados nos próximos días e comezarán de inmediato.
O prazo de execución previsto é de tres meses, polo que o problema quedará solucionado nun curto espazo de tempo, remarcou o subdelegado.
As actuacións previstas inclúen a reparación integral da cuberta, coa construción de armaduras, así como o recubrimento, instalación de verteaugas, canles e revestimentos necesarios para garantir a seguridade e estanqueidade do edificio.
O orzamento base de licitación, sen impostos, ascende a 205.123 euros.