O Concello de Marín, ante as críticas realizadas por Comisións Obreiras dentro do conflito laboral coa Policía Local que continúa sendo motivo de protestas, asegura que acatou de forma íntegra a sentenza xudicial que lle obriga a pagar as noites e festivos non traballados durante vacacións, baixas laborais ou días libres aos axentes entre os anos 2019 e 2022.
A decisión xudicial, emitida hai dous meses, responde a unha reclamación presentada por parte do persoal no 2022, na que se cuestionaba o sistema de pagamento destes conceptos.
Segundo explicou o Concello, as noites e festivos traballados pola Policía Local abóanse tradicionalmente baixo o concepto de "productividade", o que implica que só se pagan cando se traballan. A sentenza do xulgado establece que estes pagos deben realizarse tamén durante os períodos de descanso, vacacións ou baixas, xa que forman parte das condicións laborais dos axentes.
O Goberno local, que non recorreu a sentenza, está a realizar os cálculos necesarios para aboar as cantidades esixidas nos próximos días, resolvendo así unha parte do conflito laboral.
A sentenza tamén obriga ao Concello a modificar o sistema de pagamento das noites e festivos para evitar futuras reclamacións.
Actualmente, estes conceptos eran considerados como "productividade", pero a partir de agora pasarán a incluírse no "complemento específico", unha partida salarial que forma parte do posto de traballo e que se aboa de xeito común a todo o persoal.
Este cambio implica que todos os axentes cobrarán o mesmo por este concepto, independentemente das noites ou festivos que traballen, e deberán repartirse de forma equitativa as quendas de noite. Para aplicar esta modificación, o Concello presentou unha proposta de reforma da RPT (Rexistro de Postos de Traballo) nas Mesas de Negociación cos sindicatos.
A proposta inclúe un incremento do complemento específico, aínda que, polo momento, está pendente de informes técnicos municipais antes de ser elevada ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.
O Concello de Marín afirma tamén que leva anos traballando na mellora das condicións salariais da Policía Local.
O equipo de Goberno sinala que, desde 2011, impulsou varias modificacións da RPT que permitiron aumentar as retribucións dos axentes, tanto en conceptos específicos como en productividade. Estas medidas contribuíron a unha mellora paulatina da situación salarial da Policía Local, así como do resto do persoal do Concello.
O Goberno local reitera o seu compromiso co diálogo e a negociación para resolver o conflito laboral e garantir condicións xustas e equitativas para todos os axentes.
A situación segue a ser obxecto de debate nas Mesas de Negociación, onde se espera chegar a un acordo que beneficie tanto os axentes como o funcionamento do servizo público de seguridade no municipio, explican desde o goberno da alcaldesa María Ramallo.