Mavi, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, concluíu a súa estancia de tres meses polas parroquias do municipio de Soutomaior, constatándose unha "gran aceptación e boa valoración" como sinalan desde o Centro de Información á Muller deste Concello.
A maleta viaxeira contra a violencia de xénero é unha iniciativa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno. O obxectivo é achegar á poboación e especialmente ás mulleres, libros que axuden sensibilizar e concienciar sobre situacións de vulnerabilidade feminina, violencia de xénero, autoestima, feminismo, etc. Outra particularidade do proxecto é que se trata de libros escritos por mulleres, actuais ou non, como Inma López Silva, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Montse Fajardo ou Ledicia Costas, entre outras.
Desde o mes de outubro, a maleta viaxeira estivo en mans das asociacións de mulleres rurais de Soutomaior, Romariz, Pozovello, Alxan ou Anduriña. Agora será a Subdelegación de Goberno a que entregue esta particular maleta contra a violencia de xénero a outro dos Concellos da provincia.