Gran resposta da hostalería local para afianzar a festa do Petote

Cerdedo Cotobade
16 de marzo 2022

Unha ducia de establecementos hostaleiros do municipio participará de xeito activo servindo na xornada cocido co popular bolo de millo e centeo. O alcalde anima a recuperar a normalidade a través da celebración, este domingo, da festa gastronómica do Petote

Jorge Cubela e José Balseiros na presentación da XII Festa do Petote Concello de Cerdedo-Cotobade

Unha ducia de establecementos hosteleiros de Cerdedo-Cotobade participará na XII Festa do Petote, organizada polo Concello.

Vaise celebrar este domingo 20 de marzo cunha degustación popular na Praza da Chan e un xantar a base de cocido en doce restaurantes colaboradores de todo o municipio que terán en común o acompañante do popular bolo de millo e centeo. 

O mesón 'Casa Inés', en Carballedo, acolleu este mércores a presentación desta nova edición da festa, que contou coa participación do alcalde, Jorge Cubela; de José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; e dos xerentes dos distintos establecementos hostaleiros participantes e tamén membros da Corporación Municipal.

Jorge Cubela animou ao público en xeral a "recuperar a normalidade despois de meses e meses de restricións pola pandemia para degustar un dos pratos máis suculentos e completos da gastronomía galega, como é o cocido, do que é o rei indiscutible o petote, un bolo de millo e centeo especialmente preparado e que se popularizou na época da fame no noso país para completar a alimentación dos nosos pais e avós", indicou o rexedor.

A xornada festiva arrancará ás 11:30 horas cun pasarrúas cargo da charanga "Mekanika Rolling Band" que servirá de pistoletazo de saída para a degustación popular do petote a partir das 12:30 horas na Praza da Chan, en Carballedo. Os asistentes poderán probar de balde este elemento gastronómico, pero tamén outras pezas tradicionais presentes no cocido como son a cacheira ou o chourizo. No caso en que as condicións meteorolóxicas non sexan as axeitadas, a degustación realizarase debaixo dunha carpa. 

Como principal novidade, esta edición contará cunha exposición de produtos galegos tradicionais e típicos deste concello como son o mel ou o grelo. 

Por outra banda, a Festa do Petote continúa nos 12 restaurantes que colaboran nesta edición e aos que Cubela agradeceu a súa implicación para que a Festa sexa toda unha referencia no calendario gastronómico da comarca. "Queremos que Cerdedo-Cotobade sexa un punto de referencia para degustar este prato tradicional, xunto con outros que xa son senlleiros no noso municipio como é o requeixo", dixo o alcalde.

Jorge Cubela tamén destacou que "a Festa do Petote é ollar ao noso pasado, cando este bolo de fariña, millo e algo de centeo amasado e cocido na auga do caldo era a salvación de moitas familias que pasaban fame, especialmente na posguerra. Non podo evitar pensar no que está acontecendo nestes momentos en Ucraína e na importancia de enviar axuda a todas esas familias que o precisan".

Pola súa parte José Balseiros felicitou ao equipo de goberno por retomar con este evento gastronómico e animou á cidadanía a achegarse esta fin de semana a Cerdedo-Cotobade para desfrutar do petote, pero tamén que se animen a achegarse aos establecementos hostaleiros galegos que "o pasaron moi mal coa crise do coronavirus" e desexou que esta nova volta á normalidade sexa xa a definitiva e que progresivamente se vaian recuperando tódalas festas e eventos festivos de Galicia.

DEGUSTACIÓN DO COCIDO EN 12 ESTABLECEMENTOS

Ademais da degustación popular do petote na Praza da Chan, as persoas interesadas tamén poden facer as súas reservas nos doce establecementos participantes para degustar un menú composto de cocido completo con petote, postre e bebida a un prezo unificado de 20 euros por persoa.

Casa Inés (Carballedo-986 760 003), A de Tucho (Augasantas-670 971 785), Casa Blanco (Rebordelo-645 922 995), A Vosa Taberna (Borela-986 763 126), O Novo Chiringuito (Valongo-680 344 004), Casa Perdiz (Aguasantas-986 696075), Bar Obelix (Tenorio-986 061 000), Café Bar Tenorio (Tenorio-986 764 090), A Casa de Ángel (Tenorio-674 404 506), O Castiñeiro (Pedre-670 434 498), Bar Davi (Quireza-606 774 141) e O Meu Lar (Cerdedo-687 393 141).