O Concello de Vilagarcía e Greenpeace volverán colaborar de cara á visita que o buque do grupo ecoloxista, Arctic Sunrise, realizará no mes de xuño á cidade. A actividade está enmarcada na súa campaña de protección dos Océanos e na defensa da pesca artesanal e sostible.
Responsables da organización mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde, Tania García, para ir planificando as posibles iniciativas a levar a cabo como complemento ás visitas guiadas ao barco.
En representación de Greenpeace participaron no encontro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galicia; Marta Martín-Borregón, responsable da campaña de Océanos e Pesca de Greenpeace España; e Mariló Ramos, coordinadora da delegación da ONG en Arousa.
A visita do Arctic Sunrise forma parte das campañas informativas e de sensibilización que desenvolve periodicamente o colectivo ecoloxista e pacifista, que buscará en Vilagarcía dar a coñecer a súa labor e as misións que leva a cabo por todo o mundo. A previsión é que o atraque se produza durante a segunda quincena de xuño.
Desde o goberno de Vilagarcía amosaron a súa "plena disposición" para colaborar nesta acción prestando apoio loxístico e facilitando infraestruturas para o desenvolvemento de actos, posto que as políticas medioambientais e coidado do medio ambiente son dúas liñas de traballo "prioritarias" do executivo presidido por Alberto Varela.
Neste marco, o Concello iniciou en 2019 unha liña de colaboración con Greenpeace, entidade que xa ten realizado varias accións na capital arousá. A primeira foi a visita que o seu buque insignia, o famoso Rainbow Warrior, fixo en 2019 no marco da campaña "En marcha polo clima". Daquela, o barco recibiu 5.000 visitas, o colectivo desenvolveu obradoiros e mantivo reunións con distintas formacións políticas e sociais, e tamén se celebrou un multitudinario concerto polo clima no que participaron Depedro, Uxía e Maika Makovski.
En 2022, o voluntariado de Greenpeace desenvolveu en Vilagarcía unha campaña informativa e de apoio ao Tratado Global dos Océanos, e en 2023 a organización proxectou no Salón García o documental "Santuario", reivindicando a protección da Antártida a través dos ollos de Javier e Carlos Bardem durante os meses que compartiron con activistas de Greenpeace no continente xeado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.