Gregorio Agís acusa o PP de "poñerse sempre ao lado contrario aos intereses dos veciños"

Poio
08 de maio 2022

O edil socialista asegura que a popular Rocío Cochón "mente descaradamente cando afirma que o Concello tiña coñecemento da supresión dos aparcamentos na recta da Pinela desde decembro de 2020" 

Yoya Blanco e Gregorio Agís
Yoya Blanco e Gregorio Agís / Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE e concelleiro do grupo de goberno en Poio, Gregorío Agís, reafirmouse este domingo nas súas críticas á Xunta por modificar o proxecto da PO-308 entre Fontenla e Combarro suprimindo aparcamentos.

"A señora Cochón mente descaradamente cando afirma que o Concello tiña coñecemento da supresión dos aparcamentos na recta da Pinela desde decembro de 2020 cando o proxecto está asinado e datado en decembro de 2021, é dicir hai poucos meses, cando a Consellería de Infraestruturas decidiu modificar o proxecto e suprimir ás escondidas eses estacionamentos", asegura Agís en alusión ás declaracións da concelleira popular Rocío Cochón.

Para o socialista, a oposición municipal do Partido Popular en Poio "non perde ocasión de poñerse sempre ao lado contrario aos intereses da veciñanza, especialmente cando se trata de defender á Xunta de Galicia".

Segundo explica na súa réplica, Gregorio Agís defende que coas modificacións no proxecto da PO-308 elimínase unha liña de estacionamentos que supón a perda de mais de 170 prazas de estacionamento, mantendo a mesma superficie de ocupación e incorporando novos axardinamentos "que non achegan nada".