Habilitan 150 prazas de aparcamento no porto de Combarro e implantan a zona azul no paseo das Redeiras

Poio
06 de xullo 2023

En Raxó o Concello consensuou varias medidas cos colectivos veciñais, entre as que se inclúen a restrición do acceso de vehículos na baixada da fachada marítima

Reunión de traballo sobre os aparcamentos en Combarro
Reunión de traballo sobre os aparcamentos en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio ven de asinar un acordo con Portos de Galicia, os bateeiros e a confraría para usar a explanada do porto da Canteira, en Combarro, como aparcamento temporal durante os meses de verán. 

Trátase dunha medida importante para aliviar os problemas de aparcamento que hai nesta zona, xa que permite contar cunhas 150 prazas e que, ademais, farase respectando e reservando zonas para os profesionais do sector do mar. 

O alcalde Ángel Moldes mantivo este xoves unha reunión de traballo con José Antonio Álvarez, presidente de Portos de Galicia; lago Tomé, presidente da Confraría de Raxó; e Manuel Ferreiro, representante dos bateeiros, na que tamén participaron a concelleira de Seguridade Cidadá e Promoción Económica, María José González, e o xefe da Policía Local, Antonio Duarte. 

Nese encontro ultimaron un acordo para usar o Porto de Combarro para estacionar, mantendo un uso prioritario á actividade profesional do porto. É dicir, segundo explica Moldes, de luns a vernes, e en horario de mañá, o aparcamento será exclusivo para os traballadores do mar, mentres que a partir das 15.00 horas e os sábados e domingos o acceso será libre.

Neste horario, seguirá habendo unha zona reservada exclusivamente para os traballadores do mar, que será a que está ao lado das casetas. 

Haberá un control de acceso vixiado, tanto para garantir que se estaciona na zona correcta como para evitar que os coches aparquen máis de tres horas. Unha medida que busca a rotación de vehículos, dar un mellor servizo e evitar que un mesmo coche permaneza inmóvil durante toda a fin de semana.

NOVO PLAN DE TRÁFICO

Tamén este xoves aprobouse o novo plan de tráfico do Concello de Poio, que inclúe medidas para facilitar a rotación no estacionamento de coches nas zonas con máis problemas de aparcamento. 

Deste xeito, no paseo das Redeiras, en Combarro, habilitarase unha zona azul con aparcamento gratuíto un máximo de tres horas entre as 9 e as 21 horas, unha medida que evitará que os coches estean inmobilizados durante varios días seguidos, cos prexuízos que iso conleva principalmente para os veciños destas zonas que nos meses de verán teñen serias dificultades para aparcar. 

Ademais, entre as 21.00 e as 9 horas o aparcamento será libre, de xeito que coincide coa chegada do traballo e permite deixar o coche aparcado xa ata o día seguinte.

Moldes destaca que esta medida e o aumento das prazas no Porto de Combarro, desconxestionarán e aliviarán os problemas que se repetían cada verán nesta zona. Con todo, sinala que o Goberno local continúa xestionando e non descarta aumentar o número de aparcamentos disuasorios.

RAXÓ

Con respecto a Raxó, consensuáronse varias medidas cos colectivos veciñais, entre as que se inclúen a restrición do acceso de vehículos na baixada da fachada marítima, de xeito que só poderán acceder os residentes, os usuarios do porto, os visitantes que acrediten estar aloxados nesa zona e os veciños con acceso a Sanxenxo. 

Ademais, regularase a zona de carga e descarga para facer que os distribuidores e repartidores fagan as súas entregas como máximo ata as 13.00 horas, un dos horarios máis amplos de todos os concellos da contorna, pero que ao mesmo tempo permite garantir a seguridade e evitar situacións de risco entre coches, camións de reparto e peóns. No porto o aparcamento nesta zona tamén estará limitada a 3 horas entre as 9.00 e as 21.00 horas para, como nos casos anteriores, mellorar o acceso e racionalizar o aparcamento.

"Trátase de buscar medidas que axuden a convivir durante os meses de máis afluencia turística, que melloren os acceso, a seguridade e, principalmente, aumentar e racionalizar as prazas de aparcamento,  dando solución a un dos principais problemas que sufrimos en Combarro e Raxó", explica Moldes.

"Son unhas medidas flexibles, xa que tres horas de aparcamento e reparto ata as 13.00 horas son propostas moito máis amplas que calquera concello da zona, pero que van a estar en permanente observación e análise, para decidir si a partir do próximo ano se aplican de xeito definitivo", engade.